O PSDEG-PSOE ESIXE QUE JÁCOME ASINE A ADHESIÓN DE OURENSE AO PLAN REXURBE CO COMPROMISO DE CREACIÓN DA OFICINA DE REHABILITACIÓN ANTES DE EXPIRAR O PRAZO O 31 DE DECEMBRO
Advirten que Ourense corre o risco de quedar excluída do programa de rexeneración urbana, que contempla a creación de vivendas públicas de carácter social con fondos autonómicos e europeos
“O alcalde parece continuar empeñado en boicotear a adhesión de Ourense ao programa”, lamentan dende o grupo socialista, logo de non obter resposta ao respecto na xunta de área de Urbanismo
Ourense, 20 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE esixe que o alcalde Jácome asine “urxentemente” a adhesión de Ourense ao Plan Rexurbe, asumindo tamén o compromiso de creación da Oficina de Rehabilitación e un Plan de Dinamización, necesarios para poder optar a formar parte do programa. As e os socialistas advirten que, de non asinar a solicitude antes de fin de ano, Ourense corre o risco de quedar excluída desta iniciativa, que contempla a creación de vivendas públicas de carácter social financiadas con fondos autonómicos e europeos.

Na xunta de área de Urbanismo, celebrada esta mañá, a voceira socialista, Natalia Benéitez, interesouse polo estado da tramitación da solicitude, sobre a cal non obtivo ningún tipo de información, posto que o edil que ten as competencias de Urbanismo delegadas, Antonio Fdez., “padece un profundo e preocupante descoñecemento das cuestións relativas á area que preside”.
“Jácome dedicouse a desmantelar a Oficina de Rehabilitación do Concello e a mirar cara a outro lado no relativo ás xestións necesarias para adherir a cidade ao Plan Rexurbe da Xunta de Galicia e para conseguir fondos europeos e traballar en materia de rehabilitación urbana como si fixeron o resto das cidades galegas”, lamentan dende o grupo socialista.
“A estas alturas do ano, e coa data límite para presentar as solicitudes a un par de semanas vista, o alcalde parece continuar empeñado en facer sabotaxe e boicot da adhesión de Ourense ao programa”, abundan.
Así as cousas, dende o grupo socialista establecen a xestión da vivenda e a enerxía local como eixos prioritarios das súas políticas e sinalan a necesidade de reverter o baleirado da cidade, cunha sangría poboacional de máis de 3.000 habitantes dende 2012, como “máxima prioridade do próximo goberno progresista de Ourense”.