O GRUPO SOCIALISTA PÍDELLE Á XUNTA QUE DESENVOLVA UN PLAN PILOTO PARA ILLAR Á POBOACIÓN DE OURENSE DA EXPOSICIÓN AO GAS RADÓN POR SER A PROVINCIA COS NIVEIS MÁIS ALTOS
Marina Ortega advirte de que a provincia rexistra as maiores concentracións do Estado deste gas, relacionado co cancro de pulmón
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022. A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que desenvolva un plan piloto na provincia de Ourense dirixido a illar á poboación da exposición ao gas radón. Ortega pide protexer á poboación máis afectada dos efectos nocivos deste gas, relacionado co cancro de pulmón.
A parlamentaria socialista sinala que, dados os datos de gas radón nas vivendas de Ourense, é “fundamental” que o goberno galego tome o asunto como unha cuestión que afecta á saúde pública e invista recursos en previr a exposición a este elemento. Propón comezar cunha campaña informativa, para continuar actuando sinaladamente nas vivendas con rendas medias e baixas para garantir o illamento das mesmas respecto deste gas.
Por iso apunta á necesidade de ter en conta a Ourense como “zona piloto para todo estudo ou actuación a levar a cabo en materia de prevención e illamento deste gas, xa que se trata da provincia máis afectada”.

Maiores concentracións
Explica que, de acordo co Laboratorio de Radón de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, Galicia é a comunidade autónoma con maiores concentracións deste gas en vivendas, e Ourense a provincia galega cos índices máis elevados, tamén en España. Esta situación deriva das características xeolóxicas do terreo, co que dentro da provincia existen incluso concellos máis afectados, como é o caso de Verín.
O gas radón, incoloro, inodoro e insípido, tende a acumularse en interiores, e está relacionado con enfermidades coma o cancro de pulmón, así como doenzas dexenerativas, como é o caso da esclerose múltiple, ELA, Alzheimer ou Párkinson, segundo diversos estudos de referencia.