concellos Eleccións locais 2023

Uxía Oviedo encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE á alcaldía de Maceda

A AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE MACEDA ELIXE A UXÍA OVIEDO DE DIOS COMO CANDIDATA Á ALCALDÍA DA VILA CO OBXECTIVO DE “TRABALLAR A CARÓN DA VECIÑANZA E PROPICIAR O CAMBIO”

Oviedo destaca que asume o reto de encabezar a candidatura “con inmensa ilusión, responsabilidade e compromiso, e coa idea firme de devolverlle ao meu pobo todo o que me brindou como macedá”

“Chegou o momento do cambio e o PSOE é a alternativa fiable, o proxecto que avanza, que pon en valor o noso, a nosa identidade e a nosa cultura e o que coñece as enormes posibilidades e atractivos do noso medio rural”, afirma a nova candidata socialista

Maceda, 19 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense informa de que a agrupación municipal socialista de Maceda vén de elixir a Uxía Oviedo De Dios como candidata á alcaldía da localidade de cara as vindeiras eleccións municipais do próximo mes de maio. Trátase dunha persoa moza, que rematou os seus estudos universitarios e decidiu regresar a Maceda, “o lugar, onde tiven a sorte de crecer e formarme como persoa á carón dos meus veciños e veciñas”.

Uxía Oviedo destaca que asume o reto de encabezar a candidatura do PSdeG-PSOE ao Concello de Maceda “con inmensa ilusión, responsabilidade e compromiso, e coa idea firme de devolverlle ao meu pobo todo o que me brindou como macedá ata o día de hoxe”. A candidata non estará sola nesta nova andadura, xa que contará co apoio do grupo socialista de Maceda, un equipo renovado de xente con ganas de traballar para facerlle a vida máis fácil a veciñanza e encontrar solucións reais e efectivas aos problemas cotiás.

A candidata socialista a alcaldía de Maceda subliña que “o vindeiro 28 de maio temos a oportunidade de darlle á nosa vila, as nosas aldeas e a nós mesmos un proxecto serio e renovador que nos permita avanzar como municipio e volver a ser un punto de referencia da nosa contorna”. Neste senso, Oviedo de Dios tamén fai fincapé en que “sabemos que Maceda ten presente e futuro, pero é necesario asegurar que ese futuro sexa o máis próspero posible”.

As e os socialistas teñen claro que para conseguir os obxectivos “só hai unha fórmula posible”, que tal e como apunta, non é outra que “traballar a carón da veciñanza, estando presente en cada rúa da vila e en cada un dos 54 núcleos de poboación que conforman o noso concello”. “Queremos devolverlle a luz ao noso municipio despois de anos de intensa treboada, queremos traballar por e para a veciñanza e queremos ser a voz do cambio”, afirma a nova candidata do PSdeG-PSOE de Maceda.

Por último, Uxía Oviedo tamén quere pór de manifesto que “chegou o momento do cambio e o PSOE é a alternativa fiable, o proxecto que avanza, que pon en valor o noso, a nosa identidade e a nosa cultura e o que coñece as enormes posibilidades e atractivos do noso medio rural”. A candidata socialista apunta que “buscamos fomentar a colaboración entre as diversas asociacións existentes e recoñecemos a inmensa labor cultural que estas levan a cabo” e finaliza afirmando que “apostaremos pola nosa veciñanza e polos diversos sectores que traen traballo e riqueza, fundamentais para asegurar o futuro do noso concello”.