O PSDEG-PSOE ACUSA A JÁCOME DE TENTAR MALGASTAR CASE 50.000 € EN TRES CONTRATOS A DEDO PARA PUBLICAR UNHA REVISTA PROPAGANDÍSTICA MALIA O INFORME NEGATIVO DO INTERVENTOR
O edil Trigás sinalou tralo Consello Reitor do CMD que “non podemos ser cómplices da aprobación destas facturas, xa que estariamos avaliando un xeito de proceder irregular e afastado da legalidade”
“O propio interventor informou desfavorablemente a respecto do fraccionamento desas facturas, que foron desagregadas de xeito discrecional para evitar que saíse a concurso por razón do importe”
Ourense, 22 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE acusa ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de manobrar para malgastar preto de 50.000 euros das arcas municipais en varios contratos menores a dedo dirixidos á publicación dunha revista propagandística, unha fórmula de concesión de cartos “discrecional e sen fiscalización” que o alcalde pretendía levar a cabo malia o informe negativo do interventor. Neste sentido, as e os socialistas manifestaron o seu voto en contra da aprobación das ditas facturas no Consello Reitor do Consello Municipal de Deporte que se celebrou hoxe no Concello de Ourense.
O edil Borja Trigás sinalou trala reunión do órgano que “non podemos ser cómplices da aprobación destas facturas, xa que estariamos avaliando un xeito de proceder irregular e afastado da legalidade” e alertou de que “o uso desmedido e indebido de contratos a dedo para bordear a legalidade e partir adxudicacións que deberían licitarse de maneira transparente leva tempo instalada na contabilidade do Concello”.

“O propio interventor informou desfavorablemente a respecto do fraccionamento desas facturas, que foron desagregadas de xeito discrecional para evitar que o contrato saíse a concurso por razón do importe”, abundan dende o grupo socialista os edís Trigás e Jones.
Neste sentido, advirten que a dilixencia de fiscalización que acompaña as facturas inclúe observacións do interventor, quen alerta claramente de que “de conformidade co disposto no artigo 99 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, non se poderá fraccionar o contrato coa finalidade de diminuír a contía deste, e eludir os requisitos relativos ó procedemento de adxudicación”.
O mesmo informe conclúe que “cómpre advertir que estamos en presenza dunha actuación administrativa que comporta unha xestión de fondos públicos en clara contravención das normas e dos principios da contratación administrativa”.

Para os socialistas do Concello, “é evidente” que o informe do interventor pon de manifesto “a clara ilegalidade do proceder do alcalde”, que vai en contra dos procesos de contratación regrados en aras da transparencia e do interese público, para atender exclusivamente “os intereses persoais do empresario Jácome”.