Denuncias Parlamento de Galicia

Marina Ortega lamenta que o PP se opoña á construción dun novo centro social en Carballeda de Avia

O GRUPO SOCIALISTA LAMENTA QUE O PP VOTE EN CONTRA DA CONSTRUCIÓN DUN NOVO CENTRO SOCIAL EN CARBALLEDA DE AVIA

Marina Ortega pídelle a Política Social un novo centro que permita continuar coas actividades que viñan desenvolvendo nas instalacións destinadas á vivenda comunitaria

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha iniciativa parlamentaria para pedirlle á Consellería de Política Social que constrúa un novo Centro Social en Carballeda de Avia. Ortega presentou esta iniciativa na Comisión de Sanidade do Parlamento que se celebrou esta mañá.

A parlamentaria socialista pediu un novo local para continuar coas actividades destinadas á dinamización social, para fomento da autonomía dos maiores e na liña de permitir a conciliación familiar e laboral das familias, que ata o momento se viñan desenvolvendo no local destinado á vivenda comunitaria. Coa posta en marcha do proxecto de O Muíño, o Concello deixou de dispoñer dunhas instalacións onde recibir uns servizos dos que a veciñanza “non pode prescindir”.

Ortega lembrou que o pasado 3 de xuño o Concello solicitou unha xuntanza coa conselleira de Política Social para informar do seu proxecto de Centro Social, que busca establecer un espazo “acolledor, integrado na natureza e no patrimonio de Carballeda” e que promova os valores saudables, sociais e ambientais e favoreza a reactivación do Concello”.

Reclamou a discriminación positiva dos concellos do interior de Ourense, que actualmente é a provincia máis envellecida de España, e que xa ten máis pensionistas que persoas que cotizantes, abocada a unha “fórmula perversa que da medo”. Lamentou que “en lugar de poñer servizos” para darlle a volta á crise demográficas, o que fan é “deixar Ourense sen pediatras ou derivar prematuros a Vigo” na única provincia galega sen centro público para persoas con discapacidade.