O PSDEG-PSOE ADVIRTE DUN NOVO REPARTO MILLONARIO CACIQUIL DE MANUEL BALTAR NA DEPUTACIÓN DE OURENSE COA COOPERACIÓN DUNHA DEPUTADA TRÁNSFUGA
“Estamos preocupados porque queremos criterios obxectivos, transparentes e equitativos, para que os concellos verdadeiramente necesitados non queden desatendidos”, asegurou Villarino
Os e as socialistas indagan por que o Concello da Merca paga 2,5 veces máis caras as dietas por desprazamento a políticos que a traballadores e as grandes indemnizacións que cobra a dedo o alcalde
Ourense, 23 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE advirte dun novo reparto millonario caciquil de Manuel Baltar na Deputación de Ourense, grazas á cooperación necesaria da deputada tránsfuga, Montse Lama, logo de que conservadores e conservadoras do pleno rexeitasen unha iniciativa na que se reclama a “distribución xusta e equitativa” dos fondos europeos –1,4 millóns de euros– que a institución recibirá a través do Goberno de España, para a dixitalización e modernización dos concellos da provincia.
“Preocúpanos, polos antecedentes, como se van repartir estes cartos e por un novo informe do Consello de Contas que conclúe que esta é a institución que menos axudou aos municipios á implantación de melloras para fortalecer a administración electrónica”, destacou o voceiro provincial, Rafa Villarino. “A día de hoxe aínda non temos resposta sobre os criterios para este reparto, que concellos están no proxecto, que accións van financiar e o montante asignado a cada municipio, así que agardo que concreten estas dúbidas”, reclamou.
“Estamos preocupados porque queremos criterios obxectivos, transparentes e equitativos, para que os concellos verdadeiramente necesitados non queden desatendidos”, dixo antes de insistir na necesidade de contar con “máxima transparencia” e non dunha “decisión unilateral baseada unicamente nas necesidades dun goberno”, que levou a situar a Ourense como a “segunda provincia de España en casos de corrupción”, segundo un estudo da Universidade de Barcelona recentemente publicado.

Concretamente, a iniciativa rexeitada hoxe reclamaba “executar unha distribución dos fondos públicos que recibirá do Goberno de España, para impulsar a transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais fundamentada, en todo caso, en criterios obxectivos, xustos e equitativos”. No marco deste programa do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, tamén demandaba “impulsar proxectos especialmente dedicados á protección da poboación máis vulnerable e, en particular, a aqueles que teñan por obxecto reducir a fenda dixital e favorecer o funcionamento da atención ás persoas maiores e dependentes”.
O Grupo Provincial Socialista recorda que os fondos públicos que distribúe a Deputación “outórganse reiteradamente sen ningún tipo de criterio obxectivo e equitativo, mediante prácticas desterradas das institucións democráticas” que, na nosa provincia, unicamente serven para “retroalimentar redes clientelares e provocar maiores desigualdades”, incumprindo claramente o fin e o espírito destas axudas comunitarias.
A Merca paga aos políticos case o triplo que aos traballadores municipais polos desprazamentos
Durante o pleno da Deputación de Ourense, os e as socialistas tamén criticaron o desorbitado gasto do Concello da Merca en plenos, xuntas de goberno, comisións, indemnizacións por razón de servizo a dedo para o alcalde e en desprazamentos, onde o goberno local do PP acordou pagar 2,5 veces máis por quilómetro aos políticos que aos traballadores. “O máis grave son os 0,50 € por quilómetro que se pagan por desprazamentos aos membros da corporación local, unha cifra desorbitada para un concello como A Merca, fronte aos 0,19 € por quilómetro establecidos de forma xeral para o resto de empregados e empregadas públicas”, denunciou o viceportavoz, Nacho Gómez.
Desde o PSdeG-PSOE rexistraron unha batería de preguntas para resposta oral, con fin de clarexar esta situación, na que interpelaron ao presidente Baltar sobre se “considera que a situación que se está a producir no concello onde é concelleiro o presidente da Comisión de Contas, Facenda e Economía e vicepresidente da Deputación, é axeitada e sobre todo legal” e se “está de acordo en que exista esta marxinación entre o que pagan a membros da corporación e ao resto dos traballadores do concello”.
Tamén interpelaron ao vicepresidente primeiro e concelleiro na Merca, Rosendo Fernández, sobre se cobra “esas dietas de quilometraxe como membro desa corporación” e “se considera axeitado cobrar case o triplo que o resto dos traballadores dese concello”. Igualmente pediron que concretase se “tributa ante a Axencia Tributaria polo valor que supera eses 0,19 € por quilómetro que están libres de tributación”.
Baltar non dixo se considera legal ou non este acordo e limitouse a tirar balóns fóra, asegurando que “respecta” o decidido polo Concello da Merca en base á “autonomía municipal”. Si concretou que o vicepresidente Fernández non cobra estas dietas por desprazamentos.