O GRUPO SOCIALISTA URXE Á XUNTA A CONSTITUÍR O CONSELLO DE COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS E DE MAN COMÚN DE GALICIA
Carmen Rodríguez Dacosta esíxelle á Consellería de Agricultura que cumpra co ditame da Comisión Especial do Parlamento que acordou a reforma da Política Forestal do goberno galego
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, urxiu hoxe á Xunta a constituír o Consello de Comunidades de Montes Veciñais e de Man Común de Galicia antes da modificación da Lei que regula estas entidades. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura do Parlamento para reclamarlle á Xunta que cumpra cos compromisos acadados na Comisión Especial do Parlamento que acordou en 2018 a reforma da Política Forestal.
A responsable socialista reclamou a constitución urxente deste órgano, que “terá a función de representación das CMVMC de Galicia, a defensa dos seus intereses específicos e a interlocución coa administración e tamén en modificacións normativas que lles afecten”. En definitiva, trátase de constituír un interlocutor coa Administración como órgano consultivo e de asesoramento da Administración forestal.
Sinalou a importancia deste papel diante da “tremenda atomización da propiedade privada individual, cunha superficie media por parcela por debaixo das 0,8 hectáreas”. É precisamente nestas propiedades nas que se poden levar adiante proxectos de xestión forestal sostible, onde os produtos “deben de saír con selos de certificación forestal”.

Salientou os “importantes beneficios” que derivan as CMVMC no medio rural, xa que xestionan o seu ciclo produtivo, garantindo a transformación dos recursos dispoñibles e o seu aproveitamento multifuncional e sostible. Sinalou a súa importancia nos aproveitamentos forestais como as enerxías renovables e aproveitamentos agrícolas e gandeiros, ou os propios servizos sociorecreativos.
Lembrou que Galicia conta con 3.372 montes coa consideración de monte veciñal en man común, que ocupan 662.404 hectáreas, o que supón unha cuarta parte do territorio galego en 248 dos 313 concellos de Galicia. Esta situación, cun tamaño medio por enriba ás 200 hectáreas, fai que sexan os “grandes propietarios galegos”, polo que “teñen que ter un papel principal na ordenación do monte galego”.