Concello de Ourense Denuncias

Alertamos da falta dun operativo no Concello de Ourense para acoller as persoas sen fogar no nadal

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA A FALTA DE PREPARATIVOS POR PARTE DO CONCELLO DE OURENSE PARA ACOLLER AS PERSOAS SEN FOGAR NAS DATAS DE NADAL E COA CHEGADA DO INVERNO 

Esixen que o goberno local garanta que todas as veciñas e veciños dispoñan da máxima cobertura e protección social, máis aínda cando pertencen a grupos cun alto risco de exclusión social

Urxen ao Concello á activación inmediata do programa de teleasistencia a persoas maiores que o alcalde Jácome anunciou como prioritario hai máis de tres anos e que segue pechado nun caixón

Ourense, 23 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a falta de preparativos por parte do Concello de Ourense para acoller as persoas sen fogar nestas datas de Nadal e coa chegada do inverno, e reclama a posta en marcha dun dispositivo urxente que permita aliviar a carga que soportan organizacións coma a Cruz Vermella ou Cáritas nesta época do ano. Neste sentido, as e os socialistas solicítanlle ao goberno local “un maior compromiso” á hora de velar pola integridade das persoas que carecen de fogar e reproban que o concelleiro Ucha “renegue do seu deber cos máis vulnerables”.

“Precisamos un dispositivo axeitado para dar amparo ás persoas sen fogar, e especialmente para aquelas que non desexan ir ao Fogar do Transeúnte” reivindicou a edil Concha García, quen fixo fincapé en que “está na man do Concello evitar que estas persoas permanezan á intemperie e desprotexidas, sobrevivindo cada día sen maior atención que a solidariedade doutras persoas ou organizacións”.

Así as cousas, dende o grupo socialista sinalan que, mentres outras cidades contan con servizo de Protección Civil e voluntarios para fornecer de roupa de abrigo, comida quente, cariño e atención ás persoas sen fogar, Ourense volve ser a excepción. “Esixímoslle ao goberno local que depoña a súa actitude pasiva ante as emerxencias sociais da cidade e que destine máis recursos á área de benestar social, no canto de despilfarrar en orquestras e actuacións estelares”.

Do mesmo xeito, as e os socialistas reclaman que, dende o Concello de Ourense, se poña en marcha “de xeito inmediato” o programa de chamadas telefónicas a persoas maiores anunciado polo alcalde como prioritario hai máis de tres anos e que segue pechado nun caixón. Aseguran que a teleasistencia nestas datas é fundamental para aliviar a soidade e lamentan que o servizo non estea xa en funcionamento.