Concello de Ourense Denuncias

Ourense, a única cidade galega sen axudas do Mitma para o bus urbano polo desleixo de Jácome

O PSDEG-PSOE LAMENTA QUE OURENSE SEXA “A ÚNICA CIDADE DE GALICIA” QUE QUEDOU EXCLUÍDA DAS AXUDAS DE MÁIS DE 50 MILLÓNS DE EUROS DO MITMA PARA O SERVIZO DE AUTOBÚS URBANO

Consideran “de extrema gravidade” que fosen os impagos do Concello de Ourense coa Seguridade Social os que motivasen a perda da subvención que o Ministerio vén de outorgar a 68 municipios españois

González amosou a súa intranquilidade en relación á presión para as arcas municipais por mor da “incesante perda de importantes e cuantiosas subvencións” como consecuencia do desleixo de Jácome

Ourense, 27 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense lamenta que Ourense sexa “a única cidade de Galicia” que quedou excluída das axudas de 50,8 millóns de euros que o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) vén de outorgar a 68 municipios españois para financiar o servizo de transporte público colectivo urbano. Neste sentido, as e os socialistas consideran un feito “de extrema gravidade” que foran precisamente os impagos do Concello coa Seguridade Social no momento de solicitar a subvención os que motivasen a perda da axuda e reclaman explicacións ao respecto.

“Hai uns meses solicitabamos dende o grupo municipal socialista que Ourense non quedase fóra das axudas para o transporte público do Goberno do Estado” lembrou a voceira socialista, Natalia González, quen subliñou que “por aquel entón, Jácome dicía, en primeira instancia, que era inncesario rebaixar á metade o billete do transporte urbano, mais grazas á insistencia dos socialistas, o alcalde retrotraeuse desa decisión inicial e sumouse ao resto de cidades galegas que dende o principio apostaran por solicitar esa necesaria axuda”.

A voceira socialista, Natalia Benéitez, e os edís Concha García e Borja López, acompañados pola deputada no Parlamento Carmen R. Dacosta.

“Cal foi a nosa sorpresa cando o venres pasado coñecemos a noticia de que Ourense é a única cidade de Galicia á que se lle denegou a subvención porque cando se solicitou non estaba ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social”, lamentou a voceira, ao tempo que puxo de relevo que “Ourense tiña todo ao seu favor para ser beneficiaria desta subvención” posto que as axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva entre aqueles concellos que dispoñen de servizo de transporte público colectivo urbano interior, calquera que sexa a forma de xestión, sempre e cando dispoñan dun PMUS e conten cun censo de máis de 50.000 habitantes. 

Así as cousas, González amosou a súa intranquilidade en relación á presión que están a soportar as arcas públicas municipais por mor da “incesante perda de importantes e cuantiosas subvencións do Goberno do Estado por mor do desleixo de Jácome”.

Dende o grupo socialista salientan que a perda desta axuda para o transporte urbano colectivo súmase a outras, coma a da financiación das obras de reforma integral da Praza de Abastos número 1, que o alcalde “desprezou e torpedeou de xeito deliberado”.

Dende o grupo socialista lamentan que sexan as veciñas e veciños de Ourense os que, inxustamente, “paguen do seu peto as consecuencias do proceder irresponsable deste rexedor”, ao tempo que recalcan a importancia dun novo goberno para a cidade que permita devolverlle á cidadanía o dereito a unha xestión eficiente dos recursos que reverta, entre outras cuestións, nun transporte público sostible, accesible para todas e todos e de calidade”.