O GRUPO SOCIALISTA PROPONLLE Á XUNTA QUE INICIE EN OURENSE CUN PLAN PILOTO PARA ILLAR ÁS VIVENDAS FRONTE AO GAS RADÓN
Marina Ortega lamenta o “negacionismo” do PP fronte ao impacto deste gas canceríxeno na provincia, que ten o maior nivel detectado: “poñer a venda nos ollos non protexe á cidadanía”
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023. A parlamentaria socialista Marina Ortega acusou hoxe ao PP de “facer de negacionista” diante do impacto do gas radón en Ourense, que é a provincia de España con maiores niveis detectados desta substancia. Ortega criticou o voto en contra do PP a unha proposta parlamentaria para pedirlle á Xunta que poña en marcha un plan piloto de medición e illamento das vivendas na provincia fronte a este gas canceríxeno.
Ortega alertou de que “poñer a venda nos ollos non protexe á cidadanía, é actuar o que protexe á cidadanía” fronte ao impacto do radón, un gas incoloro, inodoro e insípido, tende a acumularse en interiores. Explicou que está relacionado con enfermidades coma o cancro de pulmón, mentres hai estudos que apuntan á súa relación con doenzas dexenerativas como esclerose múltiple, ELA, Alzheimer ou Párkinson.

Subliñou que “non se trata de alarmar á xente, coma se Ourense fora o Chernóbil de España, pero si de informar dun problema de saúde pública” que fai do cancro de pulmón unha “pandemia” na provincia. Emprazou ao goberno galego a empregar as súas competencias en sanidade e vivenda para “atallar e non mirar para outro lado” porque, dixo, “a boa noticia é que temos solución, dispoñemos dos maiores expertos” para resolver a situación “e o PP está votando que non”.
Advertiu que “a peor parte a leva a cidadanía de Ourense, a provincia máis exposta ao radón, e o goberno do PP non quere facer nada ao respecto”. Reclamou situar Ourense como “zona piloto para todo estudo ou actuación a levar a cabo en materia de prevención e illamento deste gas, xa que se trata da provincia máis afectada”.
Maiores concentracións
Explica que, de acordo co Laboratorio de Radón de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, Galicia é a comunidade autónoma con maiores concentracións deste gas en vivendas, e Ourense a provincia galega cos índices máis elevados, tamén en España. Esta situación deriva das características xeolóxicas do terreo, co que dentro da provincia existen incluso concellos máis afectados, como é o caso de Verín.