O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O CONCELLEIRO UCHA DESCOÑECE O CONTIDO DOS PROGRAMAS DE ATENCIÓN A PERSOAS MAIORES QUE O CONCELLO ADXUDICOU A DEDO A EMPRESAS DE COMUNICACIÓN
Aseguran que o edil que ten as competencias delegadas da área social non sabe nin se este servizo xa está en funcionamento, nin ten datos a respecto do número de traballadores ou a duración dos contratos
Avogan pola rescisión dos contratos e a reformulación do servizo dende un enfoque integral e apostando por profesionais cualificados e vencellados co ámbito dos servizos sociais
Ourense, 25 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o concelleiro Telmo Ucha “descoñece por completo” o contido dos programas de atención a persoas maiores que o Concello adxudicou a dedo a empresas do ámbito da comunicación sen relación cos servizos sociais. Así o poñen de manifesto logo de que o edil de Democracia Ourensana non soubera responder ás preguntas formuladas polo grupo socialista na Xunta de Área de Seguridade, Mobilidade e Servizos Sociais e descargara a responsabilidade sobre o alcalde.
“Sorpréndenos que o edil que ten as competencias delegadas da área social non saiba nin se este servizo está xa en funcionamento, nin teña tampouco datos a respecto da duración dos contratos, dos horarios ou do número de traballadores”, reprobou a edil Concha García, quen engadiu que “sospeitamos que non existe un proxecto, senón que unicamente hai un orzamento e unhas empresas que son mediadoras dun servizo pantasma”.
“Temos un concelleiro que parece non saber nada e que deposita toda a responsabilidade na Alcaldía”, engadiu o edil Rafa Villarino. “Cando lle preguntamos quen deseñou o plan ou cales son os criterios polos cales se adxudicaron eses contratos a empresas sen experiencia acreditada na atención a persoas maiores, remítenos a Jácome”, lamentou o socialista.

Dende o grupo socialista aseguran tamén que na documentación facilitada na xunta de área en relación ao servizo de acompañamento telefónico, outorgado por un importe con IVE de 18.148,79 euros, faise referencia a que este programa vai contar con persoal “voluntario” –e polo tanto, non remunerado– para realizar as chamadas, polo que esixen coñecer “cal vai ser o destino real da partida orzamentaria asignada”.
Así as cousas, as e os socialistas avogan pola rescisión dos contratos e a reformulación do servizo dende un enfoque integral e apostando por profesionais cualificados e vencellados co ámbito dos servizos sociais.