Parlamento de Galicia POLÍTICA PROVINCIAL

Instamos a Xunta a habilitar axudas para os concellos afectados polas inundacións

O PSDEG INSTA Á XUNTA A APROBAR DE MANEIRA “URXENTE” A EMERXENCIA DE INTERESE GALEGO E A HABILITAR AXUDAS ÓS CONCELLOS DA PROVINCIA AFECTADOS POLAS INUNDACIÓNS

Os tres representantes do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta, Marina Ortega e Eduardo Ojea rexistraron varias iniciativas para o seu debate en pleno e en comisión

Rodríguez Dacosta considera que “é imprescindible actuar con urxencia nestes municipios da provincia de Ourense porque a falta de acción e a pasividade non son opcións aceptables cando se trata da seguridade e do benestar da poboación”

Ourense, 25 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para instar á Xunta de Galicia a aprobar de maneira “urxente” a emerxencia de interese galego, recollida pola Lei de emerxencias de Galicia 5/2007, para habilitar axudas aos concellos da provincia de Ourense afectados polas importantes inundacións acontecidas ao longo deste mes de xaneiro. Os e as socialistas explican que as inundacións e os corrementos de terra danaron infraestruturas, camiños, estradas, construcións públicas e propiedades privadas, “polo que é preciso actuar canto antes para restablecer a normalidade”.

Os tres representantes do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez DacostaMarina Ortega e Eduardo Ojea rexistraron unha proposición non de lei para o seu debate en sesión plenaria e tamén en comisión, así coma unha serie de preguntas para que o goberno galego conteste de forma oral e por escrito. Os e as socialistas queren saber se a Xunta de Galicia “ten pensado habilitar axudas aos concellos e no caso de realizarse, cando se farán efectivas as mesmas”.

Neste senso, dende o PSOE ourensán lembran que a provincia sufriu nas últimas semanas “intensos e recorrentes episodios de choiva e neve que provocaron inundacións e deixaron múltiples estragos e danos graves en importantes infraestruturas de concellos como A Arnoia, Baños de Molgas, Allariz, Ribadavia ou O Carballiño”. Ante esta situación, dende o Grupo Parlamentario Socialista decidiuse solicitar do goberno galego que “poña os medios necesarios para reparar os danos provocados por estas inclemencias meteorolóxicas”.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, sinala que ante esta situación o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “non debe mirar cara outro lado e deixar, novamente, aos concellos sos ante estas continxencias temporais que provocaron múltiples danos por toda a provincia de Ourense, danando estradas, camiños e todo tipo de infraestruturas”. Neste senso, a parlamentaria socialista considera que “é imprescindible actuar con urxencia nestes municipios da provincia de Ourense porque a falta de acción e a pasividade non son opcións aceptables cando se trata da seguridade e do benestar da poboación e dado que de non facelo, coas próximas choivas aumentará a superficie afectada”.

Rodríguez Dacosta apunta que “polo de agora, e a pesar de non contar, na maioría de casos, con recursos propios dabondo para afrontar estas situacións, os concellos están asumindo a desfeita en solitario de maneira heroica, despregando todos os seus esforzos para minimizar o impacto das inundacións”. Ante este “abandono”, a parlamentaria socialista urxe a Xunta que “actúe xa ante estes danos, aprobando a emerxencia de interese galego”.

As inundacións na provincia a debate no pleno da Deputación

Cabe lembrar que dende o PSdeG-PSOE de Ourense xa se reclamou, o pasado día 17, a implicación da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia na reparación dos danos causados polas inundacións e os corrementos de terras das últimas semanas. Os e as socialistas pedirán, mediante unha iniciativa que se votará no pleno provincial da Deputación de Ourense deste próximo venres, a colaboración da institución cos concellos, xa que moitas destas entidades locais son incapaces de asumir unha desfeita deste calibre.

Concretamente, piden ao goberno de Baltar “fondos económicos para a colaboración cos concellos”, para a “reparación de infraestruturas como estradas, pontes ou camiños, así como para a restauración de edificacións, construcións ou instalacións de calquera tipo”. Tamén demandan “material e equipamento” para reparar os danos e para a “protección e seguridade de lugares en risco de sufrir episodios similares no futuro”. Igualmente esixen “colaboración loxística”, ofrecendo os seus vehículos e maquinaria.