O GRUPO SOCIALISTA ESÍXELLE Á XUNTA MEDIOS MATERIAIS E HUMANOS FRONTE Á SITUACIÓN “TOTALMENTE INASUMIBLE” DA SANIDADE DE OURENSE
Marina Ortega acusa ao goberno galego de “escorrer as competencias” mentres a súa falla de previsión e de coordinación leva á provincia as peores listas de espera de Galicia
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023. A parlamentaria socialista Marina Ortega esixiulle hoxe á Xunta que dote á sanidade de Ourense de medios materiais e humanos suficientes para superar a situación “totalmente inasumible” á que a ten levado a xestión do goberno galego. Ortega presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade do Parlamento para reclamar o reforzo sinaladamente en pediatría, que foi rexeitado polo PP.
A parlamentaria socialista responsabilizou directamente ao goberno galego da situación límite da sanidade na provincia, coas peores listas de espera de Galicia, que duplican ás que había antes da pandemia con cifras como os 2,5 meses de consulta previa para cirurxía, onde as esperas superan as 10 horas en Urxencias e cando o Hospital de Valedorras ten 205 dias de espera para consulta.
Denunciou que o goberno galego “non se preocupa de incrementar o número de especialistas” mentres os propios profesionais da sanidade pública alertan da situación “inoperante”, con graves consecuencias na atención dos máis cativos. Acusou ao goberno galego de non ter feito nada logo de que os pediatras denunciaran, a través dunha carta remitida á Valedora do Pobo, que a Xunta “non contratou pediatras cando podía facelo”.

Lamentou a “falla de previsión, de coordinación, de responsabilidade e mesmo de empatía cos nenos e nenas” por parte da Xunta, que derivou a atención a prematuros de menos de 30 semanas ao hospital de Vigo, cando conta coas instalacións precisas pero non ten pediatras por decisión da Xunta. Esixiu que “poñan por riba de todo a saúde dos cativos”, mentres obrigan a desprazar aos prematuros dende Valdeorras a Vigo, “vergoña lles tiña que dar”, concluíu.
Ortega reclamaba hoxe un plan sanitario específico para a provincia de Ourense que permita reverter a grave situación da sanidade pública, tal e como a Comisión de Centro do CHUOU vén denunciando dende hai meses. Sinalou que son os propios profesionais sanitarios os que alertan da precarización da atención primaria, o colapso das urxencias, a falla de persoal en Medicina Interna e o peche definitivo de unidades de hospitalización.
Lembrou tamén a dimisión do xefe de Neumoloxía pola desatención da Xunta á saturación do servizo, unha decisión que podería ser seguida por varios xefes de unidades do CHUOU, que están pensando en dimitir polo “déficit acusado e significativo” de médicos en Ourense.