A DEPUTACIÓN DE OURENSE IMPULSA UNHA MODIFICACIÓN NORMATIVA PARA APROBAR A ELECCIÓN DIRECTA DOS DEPUTADOS E DEPUTADAS PROVINCIAIS GRAZAS A UNHA INICIATIVA SOCIALISTA
O pleno reclamou a elección directa das corporacións provinciais nun debate no que Villarino recordou as “campañas personalistas” e ao “marketing friki” que, ata o de agora, fixo Baltar
Ourense, 27 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE tamén formulou unha proposta ao pleno da Deputación de Ourense de xaneiro, para impulsar unha reforma legal que posibilite a elección directa das corporacións provinciais, simultaneamente a do resto de membros das corporacións locais, co fin de corrixir o “déficit democrático” do actual sistema indirecto. A iniciativa foi aprobada cos votos de todos os grupos da corporación e da deputada tránsfuga.
A moción reclama ao Goberno central unha iniciativa lexislativa para reformar a Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e de toda a lexislación que sexa necesario modificar, para aprobar esta elección directa das corporacións provinciais. Tamén pide ao Parlamento de Galicia demandar do Goberno central a adopción dun proxecto de lei ou remitir ao Congreso unha proposición de lei sobre esta reforma. Por último insta á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) a que promova os cambios que sexan necesarios para a materializar esta reforma.
O voceiro, Rafa Villarino, explicou que este cambio normativo é necesario para que as institucións “se democraticen e sexan máis transparentes, permitindo facer unha rendición de contas real” para que “persoas como nós poidamos responder ante a cidadanía”. “Debemos ser representantes directos da vontade popular, que nos poidan elixir, para que poidamos render contas”, insistiu antes de denunciar que, co sistema actual, “a vontade dos partidos superponse sobre a vontade da cidadanía”.
Rolda de prensa sobre a elección directa dos deputados e deputadas provinciais
O líder socialista recordou que a xénese deste cambio está no Partido Socialista hai século e medio e agora, insistiu, “queremos que as deputacións deixen de ser espazos rexidos por acordos caciquís e rémoras decimonónicas”. “Esta é unha iniciativa seria porque nós non pedimos o voto para quen non se pode votar”, remachou en referencia ás “campañas personalistas” e ao “marketing friki” que, ata o de agora, puxo en marcha o presidente provincial.
O Grupo Socialista insiste en que estas novas urnas nas eleccións locais “son unha medida que promove a democracia, a transparencia e a participación cidadá no futuro da provincia”, e que garante unha “maior responsabilidade na rendición de contas” dos cargos políticos. “Ao poder votar, a veciñanza de Ourense poderá exercer o sufraxio sentíndose parte do proceso democrático que construirá as políticas a desenvolver na provincia”, conclúen.