O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA A “DOBRE DISCRIMINACIÓN” AO RURAL POLA TRAMITACIÓN ONLINE DO BONO CULTURA DA XUNTA E A FALTA DE OFERTA CULTURAL
Carmen Rodríguez Dacosta resalta que as persoas que viven no rural tiñan unha dificultade engadida para acceder a eses bonos pola falta de conexión de alta velocidade
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023. A parlamentaria do grupo socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe unha “dobre discriminación” contra o rural galego pola única posibilidade de acceder ao Bono Cultura da Xunta de forma online sendo que non teñen conexión de alta velocidade en moitos lugares, así como pola baixa oferta de ocio e cultura da que dispoñen, polo que estes programas serían máis necesarios nestas zonas.
Reivindicou que a cultura é “un dereito fundamental recoñecido constitucionalmente”, polo que o goberno galego debe “garantir o exercicio do mesmo e a súa realización en condicións de equidade”, entendendo que non o están a facer así agraviando ás zonas rurais. Resaltou que a baixa oferta cultural neste lugares, moi inferior ás das cidades, axuda ao abandono do rural, sendo o sector cultural quen pode contribuír tamén ao desenvolvemento económico.
Esta idea ven da man do que concluíu o I Foro Cultura e Medio Rural, organizado polo Ministerio de Cultura e Deporte, que emprazaba a un “desenvolvemento sostible” da cultura, tendo en conta non só os valores artísticos ou culturais, senón tamén a vinculación o territorio, ás comunidades locais e aos procesos económicos. Por iso, Dacosta reclamou a necesidade de darlle un novo rol “vertebrador, catalizador e dinamizador” á cultura que impulse o crecemento das áreas rurais.

Para Carmen Rodríguez Dacosta, os dirixentes da Xunta “están a facer todo o contrario”, sendo especialmente agravado o caso do Bono Cultura, consistente en 50 euros por usuario a gastar en actividades ou produto culturais, aportando o mesmo a metade do prezo, dende o 2 de novembro de 2022, ata o remate do ano.
Este Bono aprobouse e a súa xestión levaríase a cabo seguindo os principios, entre outros, de “igualdade e non discriminación”. Dacosta acusou ao executivo galego de “discriminación” co rural, xa que a tramitación podíase realizar a través de internet, e se esgotou en oito horas segundo a Xunta ou soamente nunha hora como denuncian algunhas organizacións, sendo que en moitas zonas de Galicia non dispoñen dunha conexión decente para chegar a tempo ás mesmas ao repartirse por concorrencia non competitiva.
Rodríguez Dacosta denuncia así unha “dobre discriminación” contra os galegos e galgegas do rural, xa que súmase esta falta de cobertura dixital á escasa oferta de ocio e cultural que chega aos pequenos núcleos, nos cales, alegou a deputada, deberían centrarse políticas como ese Bono Cultural.

Dacosta entende que o máis importante é corrixir isto no futuro, por iso preguntou ao representante do goberno galego polas medidas que van a levar a cabo para corrixir esta “dobre discriminación” do rural e garantir o dereito de acceso á cultura en igualdade dos galegos e galegas que viven no rural.
Para a deputada o goberno da Xunta é reincidente neste “agravio” ao rural, xa que suceden situacións similares en distintas políticas públicas aplicadas por eles en natalidade, conciliación ou favorecer a actividade económica, sendo un caso moi parecido ao deste bono o do programa Impacto Autónomo, con axudas que excluían a parte do rural por ser totalmente online e que tamén tivo queixas dos colectivos por ser insuficientes e esgotarse moi rápido.