O PSDEG-PSOE LOGRA QUE O PLENO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE RECLAME AXUDA URXENTE PARA OS MUNICIPIOS DA PROVINCIA AFECTADOS POLAS RIADAS
Gómez denunciou o “desleixo” da Deputación, xa que “non tería que ser o grupo socialista quen tivera que facer esta proposta” e recordou como o PSOE pediu a implicación da Confederación Hidrográfica
Ourense, 27 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE logrou hoxe que o pleno da Deputación de Ourense reclame por unanimidade ás administracións públicas –Deputación Provincial, Xunta de Galicia e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil– axuda urxente, para arranxar a desfeita ocasionada polas riadas e os desprendementos de terra das últimas semanas, en lugares como A Arnoia, O Carballiño, Ribadavia ou Allariz.
A iniciativa socialista aprobada por todos os partidos políticos e pola deputada tránsfuga, pide ao goberno de Manuel Baltar “fondos económicos para a colaboración cos concellos”, para a “reparación de infraestruturas como estradas, pontes ou camiños, así como para a restauración de edificacións, construcións ou instalacións de calquera tipo”. Tamén demanda “material e equipamento” para arranxar danos e para a “protección e seguridade de lugares en risco de sufrir episodios similares”. Igualmente reclama “colaboración loxística” cos seus vehículos.
Os e as socialistas ourensáns tamén referendaron unha proposta do BNG que, ante estes mesmos feitos, pide a intervención do Goberno central e da Xunta.
A pesar do seu deber legal de cooperación, a deputación non ofreceu motu proprio acción algunha e, por iso o PSdeG-PSOE desprazouse ata a área recreativa das Poldras (A Arnoia), onde os deputados e deputadas supervisaron os destrozos acompañados de edís desta localidade, co fin de tomar a iniciativa que se materializou no pleno provincial. “Foi inaceptable a pasividade do goberno provincial” ante esta situación extraordinaria, denuncian, a pesar da “petición pública de axuda e do clamor” xa que, hasta esta semana, “non moveu un dedo” en favor dos afectados.
Visita ao concello da Arnoia para supervisar a desfeita
O vicevoceiro, Nacho Gómez, asegurou que se trata dunha “iniciativa positiva desde o minuto un que xa presentamos o día 3 de xaneiro, cando aínda se estaba a producir a desfeita”. O deputado cualificou como “trampa” o anuncio feito esta mesma semana polo goberno provincial, sobre a creación dun novo sistema para facer fronte a estas situacións de emerxencia “dunha forma aínda máis áxil”. “Cando nos pasa algo aos concellos a deputación está ausente e estas inundacións foron un perfecto exemplo deste desleixo” denunciou antes de recordar que moitos alcaldes do PP están “dacordo” con esta queixa, “aínda que non digan nada en público”.
O vicevoceiro recordou que, con respecto á Confederación Hidrográfica, o PSdeG-PSOE pediu expresamente ao presidente desta institución estatal que visitase o concello da Arnoia –gobernado polo PP– e que ofrecese axuda a este municipio e a todos os afectados. “Así o fixo e sabemos que a confederación está disposta a axudar”, resaltou o voceiro antes de recordar que tamén o Subdelegación do Goberno se puxo en contacto cos afectados.
Os deputados e deputadas aseguran que “non tería que ser o grupo socialista quen tivera que facer esta proposta” porque “é obvio que a Deputación ten que axudar”, pero “o presidente só se adicou a mirar cara outro lado e a facerse fotos fóra da provincia”. “Pedimos que todas as institucións públicas asuman as súas responsabilidades”, insisten desde o PSOE, xa que “necesitamos axudas de todos e todas os que teñen os cartos, a marxe de forofismos”.