A SECRETARÍA PROVINCIAL DE MIGRACIÓNS INFORMA QUE POR SENTENZA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE FINANZAS ALEMÁS TENSE QUE RECALCULAR O PAGAMENTO DE INTERESES DE DEMORA ABONADOS NO SEU MOMENTO POLOS RETORNADOS
Para proceder a esa compensación no pago, os emigrantes retornados “deben poñerse en contacto co teléfono indicado na parte superior da carta enviada”
Luís Gulín salienta que “se o pago do IRPF do ano 2022 a Alemaña sae a 100 euros e o contribuínte ten 20 euros ó seu favor, a Facenda alemá só lle esixira 80 €”
Ourense, 2 de febreiro de 2023. A área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense informa que nas últimas datas moitos e moitas emigrantes retornadas de Alemaña están a recibir unha comunicación da Axencia Tributaria xermana (Finanzamt Neubrandenburg), na que lles comunican que, por sentenza do Tribuna Superior de Finanzas do ano 2021, tense que recalcular o pagamento de intereses de demora abonados no seu momento.
Segundo puido constatar a secretaría provincial de migracións do PSOE ourensán, unha vez analizadas todas as cartas, esta información “vén destacada ao final da primeira páxina, na que se explica o concepto RESTGUTHABEN, que é o novo cálculo a favor do contribuínte por pago indebido”.
O secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín Iglesias, fai fincapé en que esa cantidade, por exemplo de 10, 13 ou 25 euros “pódese compensar co próximo pago do chamado imposto do 5 por cento, restando esa cantidade á suma para abonar”. Neste senso, o máximo responsable de migracións do PSdeG ourensán salienta que “se o pago do IRPF do ano 2022 a Alemaña sae a 100 euros e o contribuínte ten 20 euros ó seu favor, a Facenda alemá só lle esixira 80 €”.
Para proceder a esa compensación no pago, os emigrantes retornados, se dominan o idioma alemán ou teñen algunha persoa de confianza que o faga, “deben poñerse en contacto co teléfono indicado na parte superior da carta enviada”, afirma Gulín. O secretario provincial de migracións tamén apunta a que “cunha simple chamada, indicando o número fiscal xermano (STEUERNUMMER), solicítase a compensación correspondente”.
Por parte da secretaría provincial de migracións do PSOE ofrécese aos interesados a axuda idiomática correspondente poñéndose en contacto co teléfono 988 37 03 86.