O PSDEG-PSOE RECLAMA UNA XUNTA EXTRAORDINARIA DE PORTAVOCES PARA EVITAR QUE BALTAR REPARTA CACIQUILMINTE UNHA NOVA MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA DA DEPUTACIÓN
Os e as socialistas reclamarán “criterios xustos, equitativos e non discriminatorios” nas modificacións, atendendo as “demandas, necesidades e proxectos presentados polos concellos da provincia”
“No caso de que Baltar insista nun novo reparto caciquil, levaremos os feitos ás institucións que correspondan, co fin de protexer, dunha vez por todas, os intereses de toda a veciñanza”, advirten
Ourense, 2 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE vén de reclamar a celebración dunha xunta de portavoces extraordinaria, para tratar de evitar que Manuel Baltar volva repartir caciquilmente millóns de euros, mediante unha macromodificación orzamentaria da Deputación de Ourense. Os e as socialistas queren negociar a través deste órgano, unha distribución xusta e equitativa dos fondos públicos provinciais, logo ter coñecemento da próxima aprobación dunha nova modificación construída en base a subvencións a dedo.
Segundo o recollido no regulamento orgánico da deputación, a xunta de portavoces “poderá ser convocada con carácter extraordinario pola presidencia, por pedimento de calquera grupo”, co fin de tratar asuntos de especial interese ou relevancia. Por iso agardan “celeridade” de Baltar para convocar unha sesión que permitirá tratar unha “cuestión de vital importancia”, posto que estamos a falar de fondos que “deben chegar a todos e a todas por igual, a diferenza do que ten sucedido ata o de agora”.
Durante a xunta reclamarán aplicar a estas modificacións millonarias un sistema de reparto “en base a uns criterios xustos, equitativos e non discriminatorios”, atendendo “as demandas, necesidades e proxectos presentados polos concellos da provincia”. Este proceder democrático é clave para “mellorar a vida de todas as persoas” na provincia e para “fomentar a participación cidadá”.
“No caso de que Baltar insista en por en marcha un novo reparto decimonónico e ditatorial dos cartos públicos, levaremos os feitos ás institucións que correspondan, co fin de protexer, dunha vez por todas, os intereses comúns de toda a veciñanza de Ourense, independentemente de si teñen un alcalde do Partido Popular ou non”, advirten desde o PSdeG-PSOE.
Logo do “carrusel de labazadas que o Consello de Contas lle adicou á irregular xestión económica do PP na Deputación de Ourense nos últimos anos”, os e as socialistas consideran “máis necesario que nunca insuflar transparencia e xestión económica profesional” a estes recursos económicos que, na súa meirande parte, proveñen de transferencias de crédito do Estado central. Por iso consideran “indispensable facer partícipes desta xestión aos municipios e aos grupos da oposición”.
“A norma habitual na Deputación de Ourense é que orzamentos unicamente beneficien aos amigos e amigas do presidente”, polo que defendemos a “urxencia” dunha “negociación na xunta de portavoces” para “poñerlle freo” a ese “disparate”. As contas da institución e as recorrentes modificacións orzamentarias non poden ser “absolutamente discrecionais”, fronte á “necesidade imperante”, defendida desde hai anos polo PSOE, de aprobar un “plan único permanente”, que permita distribuír estes cartos equitativamente.