Eleccións locais 2023 Executiva municipal de Ourense

Natalia González será a responsable de campaña no candidato á alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez

A SECRETARIA XERAL E VOCEIRA MUNICIPAL, NATALIA GONZÁLEZ, SERÁ A RESPONSABLE DE CAMPAÑA DO CANDIDATO Á ALCALDÍA DE OURENSE DO PSDEG-PSOE FRANCISCO RODRÍGUEZ

A executiva municipal do PSdeG-PSOE de Ourense constitúe o comité de campaña e avanza que o programa electoral e a candidatura estarán listos a inicios de marzo

Os socialistas abren o procedemento para a elaboración da candidatura municipal e convocan asemblea extraordinaria aberta a toda a militancia para que poidan participar todos aqueles ou aquelas que desexen formar parte da lista electoral 

Ourense, 8 de febreiro de 2023. A dirección local do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta tarde a súa reunión ordinaria do mes de febreiro na que se definiu a estratexia electoral para os vindeiros meses. No encontro fixaron o calendario orgánico para elaboración da candidatura municipal, constituíndo o comité de campaña e avanzando na configuración definitiva do programa electoral 2023-2027.

Natalia González, actual secretaria xeral e voceira municipal, será a responsable de campaña do candidato Francisco Rodríguez. Concelleira dende 2019 no Concello de Ourense, nº 2 da lista das eleccións municipais 2019 do PSdeG-PSOE na cidade e asesora nos gabinetes, tanto no goberno como na oposición, dende 2007 a 2019 do Grupo Municipal Socialista, encabezará o equipo electoral do candidato. Así mesmo, González acumula unha longa experiencia baseada na súa participación activa en todos os comités de campaña do PSdeG-PSOE na cidade de Ourense durante case as dúas últimas décadas.

Nesta reunión designouse os restantes integrantes do comité electoral de cara ao proceso de eleccións municipais de maio na cidade. Un comité no que terán especial relevancia a comunicación política tanto nos medios como nas redes sociais, a mobilización e contacto coa cidadanía nos distintos barrios, así como cos axentes sociais e colectivos da cidade; que culminarán no desenvolvemento dunha campaña de proximidade, ambiciosa e ilusionante.

Na reunión deuse conta das bases do procedemento de elaboración da candidatura municipal e o calendario orgánico para a súa elección e aprobación definitiva. A executiva municipal convocará a asemblea extraordinaria a tal efecto o vindeiro 22 de febreiro, co fin de que poidan participar todos e todas as militantes que desexen formar parte da lista electoral coa que o partido concorrerá ás eleccións do 28 de maio na cidade.

Programa electoral aberto e participativo

O programa electoral do partido de cara ás municipais de maio, avanza segundo o previsto o proceso de redacción do mesmo, coa incorporación das aportacións da militancia e da cidadanía, co obxectivo de conseguir un programa de goberno de 2023 a 2027 para Ourense, realista e responsable pero moi ambicioso e de futuro.