concellos Eleccións locais 2023

Ramón Alonso, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Entrimo

RAMÓN ALONSO REPITE COMO CANDIDATO DO PSDEG-PSOE Á ALCALDÍA DE ENTRIMO CO OBXECTIVO DE SEGUIR TRABALLANDO DÍA A DÍA A PROL DA VECIÑANZA E MANTER A APOSTA POLO RURAL

O actual alcalde do municipio subliña que se presenta a estas eleccións “pola vocación que veño exercendo nos últimos anos e que me da forzas para continuar ao fronte dun grupo de xente moi comprometida e a loitar polo futuro do noso concello”

Pon o foco na Reserva Transfronteiriza do Xurés, nos sectores forestal e gandeiro e no traballo diario para manter os servizos básicos da veciñanza e ampliar a oferta cultural, recreativa e lúdica

Entrimo, 9 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Entrimo xa ten candidato para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Trátase do actual alcalde da localidade, Ramón Alonso López, que repite como candidato co obxectivo de seguir traballando día a día a prol da veciñanza e apostando por uns servizos dignos e eficiente en beneficio dos veciños e das veciñas do municipio.

O actual alcalde de Entrimo subliña que se presenta a estas eleccións motivado polo “compromiso” e por “unha vocación que veño exercendo nos últimos anos e que me da as forzas para continuar ao fronte dun grupo de xente moi comprometida e a loitar polo futuro do noso concello”. Alonso destaca a “importancia” do rural e apunta a que “a pesar da difícil situación que atravesa o rural, especialmente en Ourense, temos claro que a aposta ten que pasar por aproveitar os recursos naturais que nos converten nunha zona cun atractivo turístico indiscutible”.

Ramón Alonso tamén pon o foco na Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Xurés, a máis grande de Europa, e da que afirma que “temos que seguir dedicando boa parte da nosa acción diaria para potenciala e para que ser converta no referente que merece ser”. Ademais o candidato e alcalde do municipio tamén destaca que “temos que seguir botando man doutros recursos como son o forestal ou o gandeiro, onde tamén temos unha importante baza que xogar”.

O candidato socialista tamén destaca que a partir destes eixos de fondo, “a nosa loita é traballar día a día porque os servizos básicos da veciñanza se manteña nun nivel óptimo de prestación”. Alonso tamén fai fincapé na necesidade de “traballar para ampliar a oferta cultural, recreativa e lúdica, que consegue que a veciñanza se xunte, conviva e manteña esa identidade de pobo pola que pelexamos dende fai tantos anos”.