O PSDEG-PSOE DENUNCIA O ‘BROCHAZO’ DO CASCO HISTÓRICO ANTE A XEFATURA TERRITORIAL DE PATRIMONIO DA XUNTA DE GALICIA E URXE A SÚA INTERVENCIÓN PARA DEPURAR RESPONSABILIDADES
“Ao noso parecer, a aplicación de pintura plástica prohibida nesta zona da cidade vulnera de maneira flagrante tanto a Lei de Patrimonio Cultural como o Plan Especial de Protección do Casco Histórico”
Esixen que a Xunta exerza a potestade de inspección que lle outorga a lei para comprobar se a pintura plástica foi aplicada por parte de persoal funcionario competente en materia de patrimonio cultural
Ourense, 10 de febreiro de 2023. O grupo municipal socialista no Concello de Ourense vén de remitir un escrito á Xefatura Territorial de Patrimonio da Xunta de Galicia para denunciar o coñecido como ‘brochazo’ en varios inmobles do casco histórico e esixir a súa intervención urxente nun asunto que consideran “de máxima gravidade”.
“Ao noso parecer, a aplicación de pintura plástica prohibida para exteriores desta zona da cidade vulnera de maneira flagrante tanto a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia como o Plan Especial de Protección do Casco Histórico, polo que vimos de solicitar que o Goberno autonómico interceda nesta cuestión da súa competencia e que o Goberno local proporcione a información e as explicacións necesarias canto antes”, anuncian.

Neste sentido, acusan ao executivo de Jácome de “causar importantes danos en bens patrimoniais que terán que ser avaliados e reparados por parte dos servizos municipais, con elevados custes que multiplicarán expoñencialmente os orixinais” e solicitan o acceso urxente ao expediente administrativo que sostén o pintado das fachadas, así como aos informes dos arquitectos e ás autorizacións dos propietarios dos inmobles afectados polo ‘brochazo’.
Ademais, esixen que o departamento autonómico ao que lle corresponde a coordinación das actuacións en materia de patrimonio histórico exerza a potestade de inspección que lle outorga a lei para comprobar se a pintura plástica foi aplicada por parte de persoal funcionario competente –como marca a norma galega– ou se, pola contra, o pintado sobre as fachadas dos edificios desta zona de especial protección se levou a cabo de maneira fraudulenta por parte de persoal eventual ou ao servizo do alcalde.
Para o grupo socialista a eliminación do vandalismo e o feísmo na zona histórica da cidade é primordial, como xa manifestaron en xaneiro de 2022 a través dunha moción na que reclamaban un plan de choque para a identificación e limpeza de pintadas non autorizadas, eliminación de cartelaría ilegal e recuperación de espazos degradados.
Naquela iniciativa, os socialistas esixían a elaboración dun inventario de muros libres e espazos degradados coa intención de que puideran ser postos a disposición dos artistas urbanos de Ourense para plasmaren as súas creacións, fomentando a convivencia e interrelación entre as súas obras e a sociedade.
“Hai que pór en valor o noso magnífico casco histórico e darlle a dignidade que merece, por iso condenamos esta neglixente actuación por parte do executivo de Jácome ao que xa estamos a pedir todas as explicacións oportunas”, subliñan. “Agardamos toda a contundencia na resposta da Xunta de Galicia ao respecto dunha intervención ilegal, que consideramos que atenta de forma inxustificada contra a zona de máis alta protección da nosa cidade”, conclúen.