O GRUPO SOCIALISTA LAMENTA A NEGATIVA DO PP A RECUPERAR A BRIGADA DE MANTEMENTO DO PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA – XURÉS QUE A XUNTA CONTRATABA DURANTE 6 MESES AO ANO
Carmen Rodríguez Dacosta lamenta a “deficiente xestión forestal” e o abandono do parque por parte do goberno galego
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, responsabilizou hoxe ao PP e ao goberno galego do “abandono” do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés para deixalo ao albur dos lumes forestais. Así o dixo logo de que votaran en contra dunha proposta socialista para recuperar á brigada forestal que contrataba a Xunta para limpar os 6 concellos do Parque durante 6 meses ao ano.
A responsable socialista lembrou que dende o ano pasado o goberno galego deixou sen contratar a brigada e o tractor que facían traballos de mantemento durante un mes en cada un dos concellos afectados -Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños-. Esta é unha mostra máis do abandono do rural por parte do goberno galego, da súa deficiente xestión forestal e dun sistema de loita contra o lume de todo punto ineficaz.
Lamentou que teñan suprimido unha axuda que xa de por si resultaba escasa, pero que confirma o desleixo do goberno galego para co coidado do parque, ao que cada ano destinan 200.000 euros no Plan de uso e xestión do Parque, apenas 7 euros por hectárea. Con esta pírrica axuda pretenden financiar os gastos de mantemento e funcionamento da área protexida en 6 concellos diferentes, o que explica, dixo, que en dez anos ardera a metade da superficie do parque.
Criticou que o parque padece dunha “real carencia de dirección”, ata o ano 2022 faltou o plan reitor de uso e xestión, que ademais carece de axudas directas e de accións en beneficio da comunidade. Aludiu á ausencia de axudas para rehabilitación de vivendas nos núcleos rurais do Parque, o fomento da agricultura ecolóxica e a gandería extensiva, o desenvolvemento dunha xestión forestal sostible ou a defensa dos montes e recuperación das zonas degradadas.
Ademais, actualmente non hai proxecto de difusión e estratexia de promoción, e adoece dun plan reforzado de loita contra o lume, por canto o Plan de infraestruturas e accións preventivas e o Plan para a recuperación e conservación do patrimonio cultural son “meros brindes ao sol”, xa que non están sinalados no Programa Financeiro.