concellos INICIATIVAS

Os e as socialistas de Leiro esixen un plan de humanización nas rúas do municipio

O PSDEG-PSOE DE LEIRO BUSCA APOIOS PARA IMPULSAR UN PLAN INTEGRAL DE HUMANIZACIÓN E ARRANXO DE DIFERENTES RÚAS DO MUNICIPIO QUE SE ATOPAN NUN “MAL” ESTADO DE CONSERVACIÓN

Os e as socialistas instan ao Concello a actuar na rúa Regueira; na rúa Rei de Viana dende a igrexa ata o cruce da rúa Estevez Carrera; na rúa Casanova, dende o cruce coa rúa Regueira ata o cruce da estrada provincial OU-0307; na rúa San Roque; e no camiño de Fornelos

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez, apunta que “é necesario un arranxo integral, que remate co deterioro e que solucione as anomalías e carencias que presentan estas rúas”

Leiro, 24 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Leiro levará o pleno municipal do vindeiro luns un plan integral para a humanización e arranxo de diferentes rúas do municipio que se atopan en “mal” estado. Os e as socialistas instan ao Concello a actuar na rúa Regueira; na rúa Rei de Viana dende a igrexa ata o cruce da rúa Estévez Carrera; na rúa Casanova, dende o cruce coa rúa Regueira ata o cruce da estrada provincial OU-0307; na rúa San Roque; e no camiño de Fornelos.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que a necesidade de actuación nestas rúas “é urxente”, xa que segundo sinalan “a situación das mesmas, con fochancas, deterioradas e con problemas de circulación está a xerar situacións potencialmente perigosas para os usuarios e as usuarias das citadas infraestruturas públicas”. Neste senso, tamén apuntan a que o Concello “debe asumir as competencias recollidas no artigo 25.2 da Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora da Lei de bases do réxime local e proceder o mantemento, conservación e humanización de ditas rúas”.

No relativo a rúa Regueira, o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, apunta que “é necesario un arranxo integral, que remate co deterioro e que solucione as anomalías e carencias que presenta a rúa, especialmente no referido o ancho, xa que apenas dan circulado dous vehículos por mor da súa estreiteza”. Neste senso, o edil socialista tamén explica que se trata dunha rúa “importante”, xa que tal e como indica “ademais das casas dos veciños e veciñas, tamén se atopa na mesma o velorio, polo que a circulación en dita rúa aumenta considerablemente”.

Dende o grupo municipal socialista consideran pois que “é imprescindible” actuar na rúa Regueira para pór fin “as fochancas e o deterioro do asfaltado, debido a falta de mantemento que hai en dita rúa”. Apuntan tamén a que o actual estado da rúa “supón un perigo e un risco, tanto para a seguridade das persoas que transitan pola mesma, como para os veciños e veciñas que residen nela”. A isto súmase a presencia do velorio na rúa que proxecta na veciñanza e visitantes “unha imaxe pouco axeitada, cunha rúa chea de buracos”.

Os e as socialistas tamén instan o concello a que proceda a arranxar e humanizar a rúa Rei de Viana, dende a igrexa ata o cruce da rúa Estévez Carrera, así como a rúa Casanova, dende o cruce da rúa Regueira ata o cruce da estrada provincial OU-0307 Leiro-Caldelas. “Pedimos na nosa moción que se arranxen, dunha vez por todas, as diferentes deficiencias e anomalías que presentan estas rúas, tales como continuos desniveis, fochancas ou o deterioro do pavimento”, explica Rodríguez Vázquez, que tamén apunta que “a falta de conservación supón un perigo tanto para os viandantes como para os vehículos que por estas rúas circulan”.

Por último, dende o PSOE de Leiro tamén defenderá no pleno unha moción para o arranxo e humanización tanto do camiño de Fornelos, como da rúa San Roque e a propia praza situada nesa rúa do núcleo de poboación de Lebosende. Os e as socialista esixen tamén que se busque solucións as fochancas, a estreiteza da rúa e que se acondicione o pavimento para evitar problemas de seguridade tanto a veciñanza como aos vehículos.