O PSDEG-PSOE LOGRA QUE O PLENO PROVINCIAL DE OURENSE ESIXA A MELLORA INMEDIATA DOS SERVIZOS DE DEPENDENCIA DE GALICIA, ASÍ COMO DOS EQUIPOS PSICOSOCIAIS QUE TRABALLAN NOS MUNICIPIOS
A “deficiente xestión da Xunta” está a provocar “importantes problemas” á veciñanza, porque as persoas teñen que agardar unha media de 365 días para resolver a súa solicitude, duplicando o prazo máximo permitido pola lei, destacou o voceiro, Rafa Villarino
Ourense, 24 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE defendeu no pleno de febreiro da Deputación de Ourense a mellora inmediata dos servizos de dependencia de Galicia, así como dos equipos psicosociais que traballan nos municipios da provincia. Mediante unha moción esixiron á Xunta “incrementar os equipos de valoración, así como os equipos dos servizos sociais comunitarios, permitindo incrementar o número de solicitudes ás axudas para a dependencia”.
Tamén pediron á Deputación de Ourense que “financie, ou alomenos cofinancie, a constitución de equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, para atender as demandas e necesidades psicolóxicas e sociais da poboación de máis idade”. O texto foi aprobado por unanimidade, cos votos de todos os grupos da corporación.
O voceiro, Rafa Villarino, destacou que “Galicia é a comunidade autónoma que menos solicitudes rexistra” neste ámbito, xa que a “deficiente xestión da Xunta” está a provocar “importantes problemas” á veciñanza, porque as persoas teñen que agardar unha media de 365 días para resolver a súa solicitude, duplicando o prazo máximo permitido pola lei. “É unha situación máis preocupante en Ourense, a causa do envellecemento da poboación”, recordou antes de sinalar que a taxa de persoas en situación de dependencia é moito máis elevada na provincia ourensá que no resto de España.
“Como pode ser posible que teñamos a maior taxa de dependencia e, sen embargo, sexamos quen menos asistencia solicita?” preguntou o voceiro.
No caso dos equipos municipais de atención psicosocial, Villarino destacou que observamos un deterioro na calidade da atención e na dotación de recursos, que dificultan o benestar das persoas e das súas familias neste ámbito “moi necesario”, xa que “moitos concellos carecen de recursos dabondo” para este servizo. As cifras de profesionais por usuario ou usuaria destes equipos son “claramente insuficientes”, o que impide ofrecer unha “atención individualizada de calidade” ante a falta de recursos das entidades locais, insistiu o voceiro antes de concluir reclamando “máis sensibilidade coa veciñanza de maior vulnerabilidade”.