Deputación de Ourense INICIATIVAS

Baltar volve repartir a dedo o 84 % dos cartos da Deputación entre os seus amigos e amigas do PP

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE BALTAR REPARTE A DEDO o 84 % DOS CARTOS DA DEPUTACIÓN ENTRE OS SEUS AMIGOS E AMIGAS, INCUMPRINDO A LEI E AS RESOLUCIÓNS DO CONSELLO DE CONTAS

O presidente provincial mantense “aferrado ao caciquismo en beneficio propio”, grazas a unha nova modificación orzamentaria coa que distribúe “inxustamente” 17 millóns, aseveran os e as socialistas

Ourense, 24 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE denuncia que Manuel Baltar vén de aprobar o reparto a dedo do 84 % dos fondos da Deputación de Ourense entre os seus amigos e amigas do PP, incumprindo unha vez máis a lexislación vixente e as resolucións do Consello de Contas. O presidente provincial mantense “aferrado ao caciquismo en beneficio propio”, grazas a unha nova “macromodificación” orzamentaria coa que distribúe “inxustamente” 17 millóns, destacaron os e as socialistas durante o pleno de febreiro, no que este sistema recibiu as loas da deputada tránsfuga, Montse Lama.

Desde o PSOE salientaron que este sistema caciquil é inxusto “incluso cos municipios do PP”. “Só beneficia aos amigos do presidente”, insistiron antes de destapar casos como o Beade, que non recibiu cartos da deputación ourensá nos últimos tres anos porque o seu alcalde “non é da corda de Baltar”.

O deputado, Diego Fernández, destacou que “esta pode que sexa a última modificación orzamentaria que se faga desta maneira, sen igualdade e sen xustiza”, antes de advertir que “para Baltar soamente son estratéxicos algúns proxectos do PP”. “Hai que cambiar o de concello de concellos por concello de concellos amigos”, denunciou o deputado, que tamén destapou datos escandalosos como que, entre os 30 concellos máis beneficiados por esta modificación orzamentaria, só tres non son do PP.

Diego Fernández durante o pleno

Desde o grupo socialista destacan que os datos “destapan premios a municipios dos deputados e deputadas conservadores e aos amigos e amigas do presidente, fronte ao recorrente castigo aos territorios gobernados pola oposición e algúns rexedores do PP”, xa que, segundo denunciou Fernández, “moitos alcaldes e alcaldesas socialistas entregaron proxectos en tempo e forma que, sen embargo, non están recollidos na modificación”.

O vicevoceiro socialista, Nacho Gómez, defendeu durante a sesión unha iniciativa para esixir o reparto xusto e democrático dos fondos entre todos os municipios. O texto foi rexeitado cos votos do Partido Popular e da deputada tránsfuga, Montserrat Lama. Esta moción reclamaba crear un “grupo de traballo, formado por unha representación proporcional de todos os grupos políticos”, así como a “aprobación dun instrumento de cooperación que permita executar un reparto xusto, operativo, equitativo e democrático dos fondos da institución, no que a elección da actividade subvencionable corresponda ás entidades locais”.

Tamén reclamaba “financiar ou, a lo menos, cofinanciar os proxectos presentados polos municipios que foron rexeitados polo goberno provincial nos últimos anos, en base ao seu deber legal recollido na Lei 7/1985”.

Nacho Gómez durante o pleno

“Desde o PSdeG-PSOE de Ourense pedimos recorrentemente a aprobación dun plan único que, do mesmo xeito que no resto de institucións, distribúa democraticamente os cartos” pero “atopamonos ante unha nova tropelía orzamentaria inxusta”, denunciou o vicevoceiro. Para Gómez “en ningún lugar de España ocorre o que ocorre nesta deputación” porque “en todos teñen repartos con criterios, mellores ou peores, pero criterios”.

Igualmente defendeu a “imperiosa necesidade” de que os concellos “sexan independentes para exercitar a súa autonomía” sen “ter que vir chorarlle ao presidente provincial”, antes de recordarlle aos conservadores que “incluso van ter que convencer a moitos alcaldes do PP” que están “descontentos” con este sistema. “A vostede lle parece normal que un concello como Verín, o maior despois da capital, reciba cero euros?” preguntou ao portavoz do PP.