Eleccións locais 2023 POLÍTICA PROVINCIAL

Presentamos as candidaturas de Valdeorras co obxectivo de ampliar o número de alcaldías

O PSDEG-PSOE PRESENTA AS SÚAS CANDIDATURAS NA COMARCA DE VALDEORRAS CO OBXECTIVO DE SEGUIR A MELLORAR OS RESULTADOS E AMPLIAR O NÚMERO DE ALCALDÍAS NA BISBARRA

O “poder municipal socialista” representa “o avance e o progreso que a provincia de Ourense tanto precisa e que xa vemos en concellos como O Barco, Vilamartín ou Petín, exemplos do bo facer que debe estenderse ao resto de municipios da bisbarra”, afirman dende o PSOE

“Da man do PSdeG-PSOE hai futuro para Ourense, e hai futuro para a bisbarra de Valdeorras e os seus concellos” sinalan, a vez que tamén apuntan que “o socialismo vai camiño de consolidarse como forza maioritaria na provincia con candidaturas fortes e gañadoras”

Valdeorras, 24 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar as súas candidaturas na comarca de Valdeorras para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023, nun gran acto celebrado en Vilamartín. Os alcaldes de O Barco e Vilamartín, a alcaldesa de Petín e os candidatos e candidatas ás alcaldías de Carballeda de Valdeorras, Rubiá, A Rúa e A Veiga participaron neste encontro no que estiveron arroupados polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, así como por outros cargos do partido e militantes socialistas chegados de tódolos puntos da provincia.

O obxectivo que se marcan dende o PSdeG-PSOE é o de mellorar os resultados electorais nunha comarca no que os socialistas marchan por diante do PP en votos e na que aspiran a “ampliar” o número de alcaldías actuais. Os e as socialistas traballarán por rematar coa “discriminación histórica” que vive Valdeorras da man dos gobernos do PP e por darlle voz a unha veciñanza que precisa de infraestruturas e de melloras nas conexións e na sanidade.

O “poder municipal socialista” representa “o avance e o progreso que a provincia de Ourense tanto precisa e que xa vemos en concellos como O Barco, Vilamartín ou Petín, exemplos do bo facer que debe estenderse ao resto de municipios da bisbarra”, afirman dende o PSOE, a vez que tamén apuntan que é “por iso que en maio temos a oportunidade de facer cambiar a realidade nesta provincia que está en mans dun baltarismo rancio e caciquil”.

O acto tamén serviu para reivindicar o traballo do PSdeG-PSOE de Ourense tanto a nivel municipal, como comarcal, provincial e autonómico, nunha bisbarra na que os e as socialistas estiveron moi presentes ao longo dos últimos catro anos. Cabe destacar as constantes reivindicacións na procura de rematar cos recortes e o desmantelamento de servizos no Hospital Comarcal de Valdeorras, a reclamación duns servizos sanitarios dignos para a bisbarra, a loita contra o peche do COC de Iberdrola na Rúa, así como diferentes iniciativas presentadas na Xunta de Galicia e na Deputación de Ourense para o arranxo de infraestruturas como a estrada de Santo Agostiño, en Viana do Bolo; a estrada de San Vicente, en Vilamartín; a mellora da OU-533; ou a creación dunha rede de tratamento contra a silicose en Ourense.

No acto foron presentados os diferentes candidatos e candidatas que concorrerán as vindeiras eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Repiten o alcalde de O Barco, Alfredo García Rodríguez; a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista Carballo; e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro. Tamén volven a presentarse como candidatos á alcaldía Luís Fernández Gudiña en A Rúa; Fernando Fernández Yáñez en A Veiga; e Raquel Méndez Ramos en Rubiá. A novidade chega en Carballeda de Valdeorras, onde o candidato será Cesáreo Ramos Gómez. Os e as socialistas seguen traballando na elaboración das listas e nas candidaturas de Larouco, O Bolo e Viana do Bolo que se darán a coñecer en próximas semanas.

O deputado provincial e coordinador comarcal Aurentino Alonso foi o encargado de dar á benvida aos presentes no acto e sinalou que o PSdeG-PSOE “é un partido de goberno e que ten demostrado a súa competencia para gobernar e sempre loitando contra as adversidades”.

O primeiro candidato en tomar a palabra foi o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, que fixo fincapé que se presentaba as eleccións «tras pensalo moito» e «porque penso que é unha oportunidade de seguir facendo cousas polo Concello, agora que xa pagamos a débeda que existía cando entrei”. O novo candidato en Carballeda de Valdeorras, Cesáreo Ramos Gómez, sinalou que se presenta “co ánimo de mellorar todo o que hai que mellorar en Carballeda, que é moito”.

Pola súa banda, a candidata á alcaldía de Rubiá, Raquel Méndez Ramos, destacou que “en Rubiá necesitamos un cambio urxente, temos un concello que tende a desaparecer, e tres 7 meses despois dos lumes vemos que non hai iniciativas dende as administracións”. Pola súa banda, o candidato á alcaldía da Rúa, Luís Fernández Gudiña, amosouse crítico co actual equipo de goberno afirmando que “se están deteriorando servizos que tiñamos como emblema porque non se cobren as vacantes das xubilacións”, por iso, continuaba, “hai que articular unha alternativa da Rúa”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista Carballo, que repetirá como candidata a alcaldía subliñou que “a única condición para ser alcalde ou alcaldesa é desexar selo. Pois eu desexo seguir sendo a alcaldesa de Petín”, indicaba, asegurando tamén a importancia de traballar nestas eleccións, “non nos podemos durmir”. Namentres que o alcalde de O Barco, Alfredo García Rodríguez, que repite como candidato ás eleccións apuntaba que se presenta as eleccións “porque quero ao meu pobo e porque sóbranme ganas para seguir planificando e para permanecer en política. Teño ideas e queremos afrontar nestes próximos 4 anos a segunda transformación do Barco”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou que as cifras indican que o socialismo vai camiño de consolidarse como a forza maioritaria na provincia de Ourense, co impulso de candidaturas sólidas, fortes e gañadoras coma as que encabezan os alcaldes, alcaldesas e candidatos e candidatas de Valdeorras. “Da man do PSdeG-PSOE hai futuro para Ourense, e hai futuro para a bisbarra de Valdeorras e os seus concellos”, asegurou Villarino.

Tamén interviu a deputada autonómica no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, quen puxo o foco nas “cualidades e virtudes do municipalismo”, sinalando que estas eleccións municipais «supoñen un novo paso para o partido cada vez esta máis forte na provincia”.