O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE JÁCOME VENDEU FUME ELECTORAL CO PROGRAMA DE APERTURA DE COLEXIOS EN HORARIO NON LECTIVO E RECLAMA A SÚA INMEDIATA POSTA EN MARCHA
Aseguran que a meirande parte dos 11 centros educativos públicos incluídos no programa Educocio permanecen ou ben pechados en horario de tarde ou sen un conserxe nas súas instalacións deportivas
“Máis dun mes despois do anuncio desta iniciativa por parte do alcalde e do seu asesor, Aníbal Pereira, segue sen haber noticias do espazo web para consulta da dispoñibilidade horaria de cada centro”
Ourense, 26 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o alcalde Jácome volve vender fume electoral co seu programa experimental de apertura de centros educativos públicos da cidade polas tardes, fins de semana e períodos vacacionais, logo de constatar que a meirande parte dos 11 colexios incluídos na iniciativa permanecen ou ben pechados en horario de tarde ou sen un conserxe nas súas instalacións deportivas.
“Esiximos que o alcalde cumpra coa súa palabra e deixe de vender programas e iniciativas pantasma, creando falsas expectativas e defraudando as familias de Ourense día tras día”, subliñan dende o grupo socialista, mentres reclaman a inmediata posta en marcha dun “programa real” nos CEIP Albino Núñez, Covadonga, Mestre Vide, Vistahermosa, Manuel Luís Acuña, Amadeo Rodríguez Barroso, Couto, Seixalvo, Mariñamansa, Curros Enríquez e Irmáns Villar.

Alertan tamén de que varios destes centros educativos carecen do cartel indicativo do programa Educocio na entrada, mentres que un deles ten oculto o horario de referencia semanal, o cal “é indicativo de que se trata dun programa totalmente improvisado, carente de coordinación e de organización”.
Lembran que o programa Educocio-Ourense, consistente na apertura das instalacións deportivas de varios centros educativos públicos para desfrute da infancia, da mocidade e dos clubs da cidade, foi anunciado o pasado día 19 de xaneiro nunha “surrealista roda de prensa” na que o alcalde estivo acompañado do asesor Aníbal Pereira, responsable desta iniciativa, quen recoñeceu ante a prensa descoñecer datos tan básicos coma cales eran os colexios que formaban parte do programa.
Ademais, denuncian que “máis dun mes despois do anuncio desta iniciativa segue sen haber noticias do espazo web na páxina do Concello para consulta da dispoñibilidade horaria de cada centro que se comprometeron a habilitar”.