Concello de Ourense INICIATIVAS

Solicitamos que a Xunta se comprometa á mellora da rede galega de Centros de Información á Muller

O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA QUE A XUNTA DE GALICIA SE COMPROMETA A RESOLVER AS EIVAS E ATENDER AS NECESIDADES DE MELLORA DA REDE DE CENTROS DE INFORMACIÓN Á MULLER

Demandan unha reforma normativa a nivel autonómico para que se fixen ratios de profesionais e un reparto económico dos fondos en función da poboación e demanda

Esixen que “ningunha muller teña que desprazarse a máis de 15 km do seu domicilio para ser atendida” ivos

Ourense, 28 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense defenderá, no pleno municipal deste venres, unha iniciativa coa que insta á Xunta de Galicia a resolver as eivas e atender as necesidades de mellora da rede de Centros de Información á Muller mediante o establecemento dun novo marco estrutural e económico que permita optimizar o imprescindible labor en materia de igualdade veñen prestando os CIM dende a súa creación no ano 2004.

“Un dos principais déficits que padecen os CIM, segundo un informe elaborado pola FEGAMP, é a gran sobrecarga de traballo á que están sometidos pola escaseza de recursos humanos”, abundan dende o grupo socialista. “Esta cuestión ten que ver coa inexistencia dun criterio rigoroso que estableza o número e tipoloxía de profesionais que ten que haber nun centro destas características, que depende exclusivamente da vontade e capacidade económica dos Concellos, polo que moitos destes centros están a día de hoxe totalmente desbordados e colapsados”, salientan.

Neste sentido, demandan unha reforma normativa a nivel autonómico para que se fixen ratios de profesionais e un reparto económico dos fondos en función da poboación e demanda, co obxectivo de “ofrecer unha asistencia de calidade e adecuar o sistema de financiamento ás necesidades e prestacións reais dos diversos CIM”.

Ademais das diferentes carencias a nivel de recursos e financiamento deste servizo ao longo da xeografía galega, dende o grupo socialista denuncian tamén a falta de capilaridade na rede de Centros de Información á Muller a nivel galego, unha situación que pode resultar “moi gravosa” para aquelas mulleres que viven en zonas rurais, “tendo en conta a dispersión xeográfica do territorio e o precario do transporte público interurbano en Galicia”.

A este respecto, sinalan que “só o 40% dos municipios galegos contan cun Centro de Información para a Muller, o que significa que as mulleres de máis de 120 municipios non teñen acceso a este servizo esencial e están a ser tratadas como cidadás de segunda clase”, polo que instan á Xunta de Galicia a corrixir de inmediato esta “situación de inxustiza e desigualdade social”, estendendo a rede de Centros de Información á Muller a todo o territorio galego, de xeito que “ningunha muller teña que desprazarse máis de 15 quilómetros do seu domicilio para ser atendida”.

“Queremos que unha usuaria dun CIM no concello de Ourense reciba a mesma atención e teña acceso aos mesmos recursos que outra usuaria nun pequeno ou gran concello de Pontevedra, da Coruña ou de Lugo, independentemente da capacidade económica da súa administración local ou do número de mulleres que, coma ela, precisen facer uso deste servizo no seu mesmo concello”.

Unha lista inasumible de tarefas

As e os socialistas denuncian no texto da moción que, á longa lista de funcións asignadas aos CIM e vencelladas exclusivamente co seu obxecto orixinal ­–a consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes– atópanse outras moitas tarefas coma a difusión e sensibilización cidadá; a realización de conferencias, encontros, xornadas e cursos; actuacións de dinamización ou o fomento do asociacionismo e da participación das mulleres en todos os ámbitos, que corresponden á figura do axente de igualdade, “escasamente presente nos CIM”.

“A través desta moción instamos á Xunta de Galicia a acordar coa FEGAMP un incremento orzamentario das liñas de axudas e subvencións autonómicas para que os CIM incorporen non só axentes de igualdade senón tamén persoal de soporte administrativo que permita descargar as traballadoras e traballadores destes centros de tarefas incompatibles e inasumibles en conxunto co seu labor prioritario e fundamental”, sinalan.

Ademais, tamén solicitan que o executivo autonómico delimite, en colaboración co tecido asociativo de profesionais que traballan no ámbito da igualdade, as funcións dos centros de información á muller, co fin de garantir unha atención especializada e de calidade e evitar que estes centros acaben converténdose nun “gran caixón de xastre”.

“En definitiva, no grupo socialista cremos necesario iniciar unha reflexión profunda sobre as funcións dos Centros de Información ás Mulleres, a capacidade de cumprilas, a súa estrutura técnica e de recursos humanos e o seu financiamento, entre outras cuestións”, conclúen.