concellos Denuncias

As socialistas de Punxín critican que o goberno local deixe sen gastar 125.000 euros do orzamento de 2022

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN CRITICA QUE O GOBERNO MUNICIPAL DEIXA SEN GASTAR 125.000 EUROS DO ORZAMENTO DE 2022 NUN MUNICIPIO NO QUE SEGUNDO AFIRMAN “ESTÁ TODO POR FACER”

As concelleiras socialistas denuncian que o grupo de goberno se permita o “luxo” de deixar un 27% do total do orzamento sen empregar en investimentos tan “necesarios e vitais” para Punxín

Lorena Peleteiro subliña que para ninguén “é un segredo a pésima xestión do grupo de goberno, así como o abandono ó que teñen sometido o noso concello” e afirma que Punxín “precisa dun goberno serio, responsable e que traballe polo municipio e a veciñanza”

Punxín, 7 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Punxín critica que o grupo de goberno municipal do Partido Popular e do concelleiro non adscrito, ex de Ciudadanos, deixa sen gastar 125.000 euros do orzamento municipal do ano 2022. As concelleiras socialistas denuncian que nun concello “no que está todo por facer”, o goberno local se permita o “luxo” de deixar un 27% do total do orzamento sen empregar en investimentos tan “necesarios e vitais” para Punxín e a súa veciñanza.

Dende o grupo municipal socialista consideran que este é un exemplo máis da “pésima” xestión dos recursos públicos que está a levar a cabo o alcalde do PP, Manuel Fernández e o seu equipo. “É insólito que nun municipio no que a veciñanza reclama arranxos e solucións aos seus problemas cotiás o goberno municipal opte por ignoralos e deixar sen gastar un 27% do orzamento, que daría para solucionar varios conflitos e problemas que presenta arestora Punxín”.

As concelleiras socialistas indican que nun concello “cuns servizos sociais totalmente mellorables, cunhas estradas desfeitas, con cero actividades culturais ou de ocio destinadas aos veciños e ás veciñas de Punxín, o PP e o ex concelleiro de Ciudadanos deixen sen gastar unha parte importante do orzamento”. Dende o PSOE explican que tiveron constancia desta circunstancia tras coñecer as contas do exercicio de 2022, que se votarán o vindeiro xoves e na que as socialistas expresarán o seu voto en contra ao entender que “non se está obrando correctamente deixando fondos sen empregar”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, subliña que para ninguén “é un segredo a pésima xestión do grupo de goberno, así como o abandono ó que teñen sometido o noso concello”. A edil socialista destaca que “unha vez máis, como vimos facendo nos últimos anos, condenamos estas contas e votaremos en contra das mesmas, xa que consideramos que Punxín merece un goberno mellor, un goberno que sexa quen de xestionar de forma correcta os nosos recursos e que pense en Punxín e na súa veciñanza”.

Peleteiro alerta tamén de que con estas contas “ponse en evidencia a falta de miras políticas do goberno municipal, a ausencia total de traballo e as ganas de loitar por Punxín e as súas xentes”. Para a voceira socialista este modo de actuar “deixa constancia, unha vez máis, que Punxín e a súa veciñanza precisa dun goberno municipal serio, responsable, traballador e que reivindique as necesidades do municipio”, circunstancia, que tal e como relata, “non é posible co actual goberno municipal do Partido Popular e o concelleiro non adscrito, ex de Ciudadanos”.