O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA QUE, LOGO DE 36 ANOS, A XUNTA SEGUE SEN COMPROMETERSE A ENTREGARLLE OS TÍTULOS A 1.123 PROPIETARIOS DE CARTELLE AFECTADOS POLA PARCELARIA
Carmen Rodríguez Dacosta denuncia o “desleixo e abandono” aos propietarios, “abandonados á súa sorte” polo goberno galego sen unha escritura que certifique a titularidade dos terreos
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023. A portavoz de Política Forestal e Montes do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe a falla de compromiso da Xunta a fixar un prazo para entregarlle os títulos aos 1.123 propietarios dos terreos afectados pola concentración parcelaria do Concello de Cartelle, logo de 36 anos de ter iniciado o proceso. Dacosta denunciou o “desleixo e abandono” amosado polo goberno galego con estes propietarios e propietarias.
Considera “incomprensible” que o goberno galego teña “abandonado á súa sorte” a centos de propietarios, obrigados a desprazarse ás oficinas agrarias na busca dunha certificación para facer calquera xestión relacionada coas súas parcelas pola obcecación do goberno galego. Reclamoulle ao goberno galego que desbloquee esta xestión e faga entrega da escritura que certifique a titularidade dos terreos.

Sinalou que os veciños e veciñas “precisan solucións e prazos concretos” para rematar o proceso de concentración que comezara en 1994 co inicio do expediente, e esixiulle á Xunta que resolva unha situación “inadmisible nos tempos que corren”. Advertiu que o goberno galego está a incumprir a proposta do PSdeG e aprobada no Parlamento en marzo de 2021, hai xa dous anos.
Lamentou as “escusas” da consellería de Medio Rural, que “volve escusarse, escudándose desta volta en que se encontran en trámite de audiencia”, co que os afectados e afectadas “seguen á espera”. Engadiu que “debemos esixirlle á Xunta que abandone o inmobilismo e se poña dunha vez por todas a traballar pola veciñanza e dar resposta a este problema grave ao que os propietarios e propietarias levan anos pedindo solucións”.