Denuncias Deputación de Ourense

Así quere mutilar Baltar a histórica fachada da Deputación deseñada por Gulías

ASÍ RECOLLE O ANTEPROXECTO PRESENTANDO POR BALTAR A MUTILIZACIÓN DA HISTÓRICA FACHADA DA DEPUTACIÓN DESEÑADA POR GULÍAS

Nas imaxes difundidas por Baltar desaparecen as históricas columnas, balcóns e o escudo da provincia, deseñados e construídos hai un século polo ilustre arquitecto, Daniel Vázquez Gulías

Os e as socialistas veñen de solicitar por escrito toda a documentación pertinente na que a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Ourense autorizan esta actuación

Ourense, 17 de marzo de 2023. Así aparece no anteproxecto ideado por Manuel Baltar para o hotel balneario Auria, a fachada do Pazo Provincial, sede principal da Deputación de Ourense: sen as históricas columnas, os senlleiros balcóns e sen o representativo escudo da provincia deseñados e construídos hai un século polo ilustre arquitecto ourensán, Daniel Vázquez Gulías.

Ante estes graves feitos contra a nosa historia e contra o legado de Gulías, os e as socialistas veñen de solicitar por escrito toda a documentación pertinente na que a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Ourense autorizan esta actuación que, na opinión do PSdeG-PSOE, destruirá elementos integrantes do Pazo Provincial, “atentando contra o patrimonio cultural de todos e todas”, incumprindo, ademais, a normativa urbanística vixente.

O Grupo Provincial Socialista xa manifestou que comparte a “sorpresa” e o “desagrado” expresado polo Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías, ante unha decisión que consideramos unha “afronta” á historia de Ourense e a este arquitecto.

Pazo Provincial

O Pazo Provincial é un dos edificios máis significativos e voluminosos da rúa do Progreso da terceira cidade de Galicia. A construción do inmoble comezou en 1850 baixo o impulso da familia Pérez Bobo co fin de edificar unha fábrica téxtil. Pero en 1895 a deputación comprou o edificio para destinalo a usos administrativos. Tres lustros máis tarde, concretamente en 1912, Vázquez Gulías reforma a fachada principal engadíndolle o corpo central con columnas, balcón e o escudo da provincia, unha actuación que sobreviviu practicamente intacta durante un século ata a actualidade.