O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA A APARICIÓN DUN NOVO VERTEDOIRO “ILEGAL” NO MUNICIPIO E ALERTA DAS “PERIGOSAS” CONSECUENCIAS QUE SUPÓN PARA A NATUREZA E O ECOSISTEMA
Os e as socialistas critican que o goberno municipal do PP “ignore por completo” a proliferación destes focos de contaminación por todo o municipio e esixen a limpeza “total” destes vertedoiros ilegais
O voceiro do PSdeG-PSOE, Jesús Pereiras, denuncia que Cartelle “está sumido no abandono e o desleixo absoluto por parte do Partido Popular” e sinala que a veciñanza do municipio atópase “totalmente indefensa” ante situacións que supoñen un “perigo de saúde pública”
Cartelle, 22 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia a aparición dun novo vertedoiro ilegal a carón dunha estrada nas inmediacións da capital do municipio, que supón un “grave” perigo medio ambiental ao estar situado a escasos metros do río Gato e en plena zona arbórea. Os e as socialistas critican que o goberno municipal do PP “ignore por completo” a proliferación destes focos de contaminación por todo o municipio e esixen a limpeza “total” destes vertedoiros ilegais.
Apenas unha semana despois da denuncia socialista pola “inacción” do goberno municipal en relación a un vertedoiro ilegal situado nas Raposeiras, na parroquia de Sande, o PSdeG-PSOE de Cartelle vén de comprobar a aparición doutro novo vertedoiro en outro punto do municipio. Dende o grupo municipal socialista consideran a situación “moi preocupante” e alertan do “grave risco” que supoñen estes vertedoiros para o ecosistema e o medio ambiente.










Os e as socialistas explican que neste novo vertedoiro acumúlanse, en plena zona frondosa e de bosque, “restos de varios electrodomésticos, mobles, numerosos plásticos e outros materiais altamente contaminantes e inflamables en caso de incendio”. Neste senso, tamén apuntan que a situación “agrávase” pola presencia do río Gato a escasos metros do vertedoiro, o que supón, en palabras do PSdeG-PSOE de Cartelle, “un risco total de contaminación das súas augas, tanto por filtracións como polo arrastre dos restos destes elementos o leito do río, e en consecuencia, o río Arnoia, do que é afluente”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, denuncia que Cartelle “está sumido no abandono e o desleixo absoluto por parte do Partido Popular” e sinala que a veciñanza do municipio atópase “totalmente indefensa” ante situacións que supoñen un “perigo de saúde pública”. Ante esta situación, o edil socialista esíxelle ao rexedor, Jaime Sousa, que “proceda a limpeza inmediata destes vertedoiros ilegais cun plan de choque, que deixe completamente limpas estas zonas para evitar riscos de contaminación e de incendios”.
Pereiras Vázquez alerta, de que no caso de que o goberno municipal do PP “faga oídos xordos” a estas reclamacións da veciñanza e dos socialistas de Cartelle, procederán a trasladar a situación ó Seprona e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que “tomen cartos no asunto”. O voceiro do PSdeG-PSOE lembra tamén, que no que vai de mandato, “xa tivemos que por en coñecemento das autoridades a aparición de numerosos vertedoiros ilegais por todo o municipio, o que lle supuxo ao concello importantes sancións económicas”.
O PSdeG-PSOE de Cartelle considera que a situación “é insostible” e pídelle ao goberno municipal que teña “conciencia” e procure solucións “inmediatas” que poñan fin a este “desleixo” ao medio ambiente, á veciñanza, ao ecosistema e a saúde. “Rematar con estes focos de contaminación é unha tarefa de todos e todas, pero o concello debe dar exemplo, eliminando canto antes estes vertedoiros e vixiando que non aparezan outros novos”, explica Jesús Pereiras, que finaliza afirmando que “a natureza é o noso ben máis prezado e debemos coidala para procurarlle un bo futuro aos e ás que veñan despois”.