INICIATIVAS Parlamento de Galicia

Dacosta insta á Xunta a reformular as políticas activas de emprego co Consello de Emprego

O GRUPO SOCIALISTA ESÍXELLE Á XUNTA QUE “REORGANICE E REFORMULE” AS POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO COA PARTICIPACIÓN DO CONSELLO AUTONÓMICO DE EMPREGO

Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que a Xunta non celebrou “ningunha reunión dos órganos de participación” relacionados co emprego “porque non queren que as eivas da súa xestión saian á luz”

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023. A portavoz de emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, urxiu hoxe á Xunta a “reorganizar e reformular” as Políticas Activas de emprego coa participación das organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Autonómico de Emprego de Galicia. Dacosta presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento na que denunciou que a actual conselleira de Emprego non celebrou ningunha reunión dos órganos de participación institucional.

A responsable socialista dixo que “ao goberno galego non lle interesa que se analicen os programas de formación laboral” do goberno galego, así como a falla de inspección nos centros formativos, nin a falla de resultados de inserción que acadan coa formación laboral. Resumiu que “non queren saian á luz as eivas das políticas activas de emprego que están a desenvolver” dende o goberno galego.

Explicou que dende que a actual conselleira asumiu o cargo deberan terse celebrado 5 reunións do Consello Autonómico de Emprego e 40 dos catro consellos provinciais de emprego, pero non se celebrou ningunha, así como outras 160 dos 16 comités territoriais de Emprego, que nin sequera están constituídos.

Acusou á conselleira de ter suprimido de facto os pactos territoriais de Emprego e conculcar a normativa constitucional e estatutaria que garante a participación dos interlocutores sociais e económicos, así como das administracións locais. Sinalou que a intervención destes actores resulta “imprescindible” no deseño das políticas de emprego, “co obxectivo de dotar dunha maior solidez, estabilidade e sostenibilidade ao tecido laboral”.

Criticou que a Xunta omita a participación deste axentes cando o 42,3 por cento dos parados e paradas son de longa duración, e o 69,1 por cento están desprotexidos. Explicou que en Galicia hai un 10,1 por cento menos de traballo que en 2008, e a taxa de paro feminino é case dous puntos superior á dos homes, cunha fenda salarial do 19,1 por cento, co que as mulleres cobran 5.000 euros menos ao ano.

Ademais, dixo, a mocidade de Galicia “perdeu máis persoas, máis persoas activas e máis persoas ocupadas que a media do Estado” nos últimos 14 anos de xestión do PP”, que está a demostrar que “carece de políticas efectivas para mocidade”. Criticou que a súa única xestión teña sido “botar por terra” os programas fronte ao paro de longa duración, a fenda de xénero e o paro xuvenil postos en marcha polo goberno presidido polo socialista Touriño “sen deseñar outros”.