concellos INICIATIVAS

As socialistas de Punxín instan ao goberno municipal a creación dun plan de mellora das estradas municipais

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A CREACIÓN DUN PLAN DE MELLORA DAS ESTRADAS MUNICIPAIS, QUE SE ATOPAN NUN ESTADO “PÉSIMO” E DE “ABANDONO ABSOLUTO”

As concelleiras socialistas consideran “imprescindible” abordar o arranxo das estradas municipais, xa que tal e como apuntan a situación “é moi preocupante, por mor das numerosas fochancas, o desgaste do asfalto e a ausencia total de intervención e mantemento”

Lorena Peleteiro destaca que “o que buscamos con esta moción é un plan que teña en conta o interese xeral da veciñanza e non intereses particulares e partidistas, que o grupo de goberno emprega para vender favores cos recursos de todos”

Punxín, 23 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Punxín vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro xoves 30 de marzo, na que insta ao goberno municipal á creación dun plan de mellora das estradas municipais. As concelleiras socialistas avogan por un plan integral que permita mellorar estas infraestruturas, así como a seguridade viaria dos condutores e peóns que circulan a diario polas mesmas.

Dende o grupo municipal socialista argumentan que Punxín conta con innumerables estradas e camiños municipais, que na súa maior parte atópanse nun “pésimo” estado de conservación e mantemento, debido ao “abandono” sufrido nos últimos anos. As concelleiras socialistas consideran “imprescindible” abordar o arranxo das estradas municipais, xa que tal e como apuntan a situación “é moi preocupante, por mor das numerosas fochancas, o desgaste do asfalto e a ausencia total de intervención e mantemento”.

As e os socialistas recibiron ao longo dos últimos tempos “repetidas queixas” por parte da veciñanza de Punxín sobre o “pésimo estado” das estradas municipais en Punxín, Barbantes, Vilela, Vilamoure, Freás e Ourantes. Tal e como apuntan dende o grupo municipal socialista “o goberno municipal foi incapaz de dar resposta a todas estas queixas, a pesar de que a veciñanza puxo esta situación en coñecemento das autoridades municipais en reiteradas ocasións”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, destaca que o que buscan con esta moción “é un plan que teña en conta o interese xeral da veciñanza e non intereses particulares e partidistas, que o grupo de goberno emprega para vender favores cos recursos de todos”. Neste senso, a edil socialista pon de manifesto que en Punxín “hai tempo que vivimos no absoluto desgoberno, cun equipo que ignora as reclamacións da veciñanza e que durante estes catro anos optaron polo desleixo, o abandono e a parálise e sen mover un só dedo ante a precarización e desmantelamento de determinados servizos”.