O PSDEG-PSOE DE OURENSE SOLICITA A JÁCOME A CONVOCATORIA DUNHA XUNTA DE VOCEIROS PARA COÑECER AS SÚAS XESTIÓNS CON RESPECTO Á CONSTRUCIÓN DO TANATORIO NA CHAVASQUEIRA
Tamén esixen coñecer que leva feito o alcalde dende a proposta de aprobación no pleno de marzo dunha declaración institucional para a mellora do proxecto do ADIF para a supresión do paso a nivel de Peliquín
Lembran que o pasado 2 de marzo o alcalde se comprometeu publicamente coa veciñanza da Chavasqueira a facer todo o posible para que o tanatorio se construíse noutra localización
Ourense, 24 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE solicita ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a convocatoria dunha xunta de voceiros para coñecer as súas xestións con respecto á construción do tanatorio da Chavasqueira, posto que a maquinaria xa está traballando “a pleno rendemento” dende o martes 21 de marzo na parcela lindeira co complexo termal da cidade, que conta con licenza para a construción do velorio.
“O pasado 2 de marzo o alcalde comprometeuse publicamente coa veciñanza da Chavasqueira a facer todo o posible para que o futuro tanatorio se construíse noutra localización diferente”, lembran dende o grupo socialista. “Non obstante, nada se sabe desa mediación e sospeitamos que se trata doutra promesa do alcalde que quedarán en auga de borralla”, censuran.

Paso a nivel de Peliquín
Ademais, dende o grupo socialista subliñan que no pleno de marzo se propuxo a aprobación dunha declaración institucional por parte de toda a corporación na que se solicitaba a mellora das solucións propostas con respecto ao proxecto do ADIF para a supresión do paso a nivel de Peliquín.
“A declaración foi adiante pero dende Alcaldía díxosenos aos grupos municipais que nos convocarían para explicarnos como foi a tramitación municipal deste proxecto. PSOE e BNG solicitamos nas Xuntas de Área que se convocasen tamén os representantes veciñais do barrio afectado”, abundan.
Así as cousas lamentan que, a día de hoxe, “non hai convocatoria nin se lle espera”, aínda que subliñan que “o que si sabemos é que non se alegou nin se artellou ningún tipo de proposta alternativa ao proxecto do ADIF para a supresión do histórico paso a nivel”.