concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Presentada a candidatura do PSdeG-PSOE en Barbadás

O PSDEG-PSOE PRESENTA A SÚA CANDIDATURA EN BARBADÁS E QUE ENCABEZARÁ XOSE CARLOS VALCARCEL CUN EQUIPO QUE QUERE TRABALLAR CON “ILUSIÓN, HONESTIDADE E TRANSPARENCIA”

Destacan que se trata dunha candidatura “transversal”, que acolle a persoas que representan a toda a sociedade do municipio, con moitas “sensibilidades diferentes” e que aporta “sabia nova e experiencia contrastada de goberno”

Xosé Carlos Valcárcel Doval sinala que se trata dun proxecto no que “a ética, a transparencia, a honestidade e os valores do feminismo, do progresismo e da solidariedade son os piares do traballo do goberno”

Barbadás, 24 de marzo de 2023.  O PSdeG-PSOE vén de presentar a súa candidatura para as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro mes 28 de maio e que estará encabezada polo actual alcalde, Xosé Carlos Valcárcel Doval. Nun acto celebrado no parque dos Carrís os e as socialistas deron a coñecer a lista completa de candidatos e candidatas que acompañarán ao actual rexedor, un equipo que segundo salientan “quere traballar con ilusión, honestidade, transparencia, proximidade e con moitos proxectos de futuro”.

Dende o PSOE de Barbadás destacan que se trata dunha candidatura “transversal”, que acolle a persoas que representan a toda a sociedade do municipio, con moitas “sensibilidades diferentes” e que aporta “sabia nova e experiencia contrastada de goberno”. Neste senso, tamén apuntan que “só un goberno progresista é capaz de aglutinar a persoas que proceden do mundo do emprendemento, de profesións liberais, da administración pública, da empresa privada, pensionistas, desempregados ou estudantes”. Unha candidatura que incorpora tamén emigrantes e retornados e que pon de manifesto que “pode representar a toda a cidadanía”.

Os e as socialistas de Barbadás márcanse como principais obxectivos “mellorar as dotacións, recuperar o medio ambiente, pór en marcha novos roteiros culturais e turísticos, mellorar a seguridade pública e seguir avanzando na igualdade entre homes e mulleres”. Unha candidatura que en palabras do PSdeG-PSOE “presenta unha gran renovación, xa que consideramos que para transformar a política, hai que ser cribles para a veciñanza”.

O candidato á alcaldía de Barbadás polo PSdeG-PSOE, Xosé Carlos Valcárcel Doval, sinala que se trata dun proxecto no que “a ética, a transparencia, a honestidade e os valores do feminismo, do progresismo e da solidariedade son os piares centrais do traballo do goberno”. Tamén fai fincapé na renovación da candidatura alegando que “presentamos unha lista chea de dinamismo e coa ilusión e a forza que aporta a mocidade e chea de novos proxectos pensados para mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas de Barbadás”.

O actual rexedor tamén aproveita para lembrar que nos últimos catro anos, Barbadás “experimentou unha transformación total”, destacando as melloras en infraestruturas, estradas, beirarrúas, parques, a chegada do LED, o fomento do comercio local ou a hostalería. Valcárcel Doval apunta a que Barbadás “converteuse nun referente provincial pola súa intensa actividade cultural, pensada para todos os públicos e con actividades totalmente gratuítas”. Destaca os servizos sociais e “o gran esforzo feito para atender as persoas, coa implantación de novos servizos para que ningún veciño quede sen atender”. O alcalde tamén desvela que “temos moi avanzadas as negociacións para situar na Valenzá un posto da Garda Civil, de vital importancia e que permitirá mellorar a seguridade”.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Barbadás tamén subliña o “dinamismo económico”, xa que tal e como apunta “fai 4 anos Barbadás tiña unha taxa de desemprego do 8,24% e en febreiro de 2023 a taxa é do 6,92%, 4 puntos por debaixo da taxa media de Galicia, polo que queremos seguir traballando por mellorar aínda máis esta situación”. Xosé Carlos Valcárcel tamén aproveita para esixir “un reparto xusto e equitativo dos fondos públicos da Deputación de Ourense” e subliña que “os fondos deben distribuírse de xeito que se valore e se teña presenta a poboación e non seguindo criterios de amiguismo”.

“Queremos seguir sumando e queremos máis Barbadás e facer máis pola veciñanza, traballando pola xustiza social, o feminismo e o medio ambiente”, apunta o candidato socialista antes de finalizar afirmando que “esta candidatura de progreso está pensada para toda a veciñanza, cun equipo sumamente capacitado e que só quere traballar dende a humildade para mellorar a situación do concello e ser a voz de todos e todas”.

A candidatura socialista é a seguinte:

  1. Xosé Carlos Valcárcel Doval
  2. Victoria Morenza Doforno
  3. Marga Pérez Fernández
  4. Cristian Rodríguez Varela
  5. Elisabet González Nistal
  6. Abel Cortés Pérez
  7. Mario Araújo Álvarez
  8. Ana Peleteiro Prieto
  9. José Manuel Morgade Méndez
  10. Noemí María Pintos Fondevila
  11. José Rafael Sierra Carril
  12. Modesta Seara Selas
  13. María Luz García Rodríguez
  14. Francisco Javier Quintas
  15. José Carlos Álvarez Iglesias
  16. Daniel Aguiar Morales
  17. Flora Feijóo Vázquez