Concello de Ourense Denuncias

Denunciamos o uso de Jácome dos bonos comercio como chaleco salvavidas ante o seu naufraxio electoral

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O USO DE JÁCOME DOS BONOS COMERCIO COMO CHALECO SALVAVIDAS ANTE O SEU NAUFRAXIO ELECTORAL CONVERTEU A MEDIDA NUNHA CHAPUZA

Advirten das innumerables eivas nas bases da convocatoria, coma a incompatibilidade destas axudas con calquera outro ingreso da administración ou que non existan tramos de desconto estipulados

“Fiscalizaremos os previsibles problemas e situacións complexas que se derivarán das présas electoralistas de Jácome, despois de dous anos de constantes retrasos pola súa clamorosa incompetencia”

Ourense, 27 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE denuncia que o uso de Gonzalo Pérez Jácome dos bonos comercio de 100 euros como “chaleco salvavidas” ante o seu evidente naufraxio electoral, converteu esta medida, que naceu froito do consenso de todos os grupos políticos da corporación, nunha “chapuza electoralista”. Os e as socialistas lamentan que a “nefasta xestión” e a “clamorosa incompetencia do rexedor”, nervioso a apupado ante o seu evidente afundimento político, está a prexudicar seriamente á veciñanza.

“O alcalde converteu un magnífico programa social, impulsado grazas a un acordo unánime de todos os partidos, nun adefesio administrativo a causa das súas présas electoralistas e os seus bandazos políticos”, sinalan dende o grupo municipal logo de coñeceren a urxente rectificación das bases por parte da Xunta de Goberno Local convocada hoxe mesmo. “Este proceder chapuceiro mancha fondamente a imaxe e a reputación do Concello de Ourense e dos seus técnicos e técnicas”, advirten, algo ao que “os e as socialistas imos a poñerlle fin desde a alcaldía a partir de maio”.

Concello de Ourense Ayuntamiento de Ourense

Dende o grupo municipal advirten que “a día de hoxe, a convocatoria presenta innumerables eivas, entre as que se atopan a incompatibilidade destas axudas con calquera outro ingreso, subvención ou recurso procedente da administración, ou que non existan tramos de desconto estipulados, podendo empregarse o importe íntegro nun só establecemento”.

Outras “alarmantes deficiencias” do texto que regula as bases da convocatoria feita in extremis polo interese electoralista do alcalde segundo as e os socialistas da cidade son a posibilidade de que os menores de idade soliciten estas axudas sen consentimento paterno; a falta dunha alternativa ao proceso de tramitación dixital para as persoas de idade que non dispoñan dun teléfono móbil intelixente; ou a discriminación daqueles establecementos comerciais sen medios informáticos actualizados.

Ademais, advirten da existencia de informes desfavorables dos servizos económicos do Concello, posto que “non hai crédito dispoñible suficiente por parte do Concello para facer fronte ás solicitudes de todos os veciños e veciñas de Ourense”, como admitiu o propio city manager.

“Tampouco se entende que o alcalde asegurase no seu día que o malogrado Centro de Intelixencia Artificial lanzaría unha app para a xestión do programa de bonos de comercio e hostalaría a custe cero para logo mudar a súa versión, encargándolle o proxecto a unha entidade bancaria e aboando 18.000 euros polo desenvolvemento dunha aplicación móbil que xa estaba creada con anterioridade”, salientan.

“Todos os grupos da corporación apoiamos que se destinasen 10 millóns de euros do remanente de axudas municipais a autónomos para a reactivación do comercio e da hostalaría trala pandemia, así como para axudar ás familias e dinamizar a economía local da cidade”, lembran as e os socialistas.

Neste sentido, lamentan que o PP e Jácome se estean a pelexar por colgarse a medalla das axudas na véspera das eleccións municipais e esixen que o goberno local se centre en “desbloquear xa” os numerosos problemas que presenta esta liña de axudas por mor da irresponsable e chapuceira xestión do alcalde.

“Dende o noso grupo, observaremos e fiscalizaremos a evolución e  desenvolvemento da campaña, ante os máis que previsibles problemas e situacións complexas que se derivarán das présas electoralistas de Jácome, despois de dous anos de constantes retrasos pola súa clamorosa incompetencia e nefasta xestión”.