O PSDEG-PSOE IMPULSA UNHA MOCIÓN PARA INSTAR AO CONCELLO DE OURENSE A ADHERIRSE Á REDE GALEGA DE PARQUES SEN FUME
Esta rede, da que xa forman parte 18 concellos galegos, limita a exposición ao tabaco tradicional e doutras formas nestes espazos co obxectivo de contribuír a desnormalizar o consumo tabáquico
Dende o grupo municipal socialista solicitan tamén a posta en marcha dun programa de actividades con motivo do Día Mundial sen tabaco 2023, que se conmemora o vindeiro 31 de maio
Ourense, 30 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE defenderá unha moción no pleno municipal do mes de abril para demandar a adhesión do Concello de Ourense á Rede Galega de Parques sen Fume (RGPSF), unha iniciativa que limita a exposición ao tabaco en parques públicos co obxectivo de contribuír a desnormalizar o consumo tabáquico.
No texto da moción, as e os socialistas detallan que en Galicia xa existen 18 concellos adheridos a esta rede dende a súa posta en marcha en xaneiro de 2023, dous deles na provincia de Ourense, polo que instan á capital a sumarse e formar parte dunha iniciativa consideran “beneficiosa” para a cidade, xa que supón ir “un paso máis alá cara ao cambio na percepción social deste hábito”.
Neste sentido, dende o grupo socialista sinalan que, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, a porcentaxe de persoas fumadoras en España pasou do 27,3 % en 2006 ao 22,2 % en 2020, trala implantación da chamada ‘Lei antitabaco’, aprobada o 28 de novembro de 2005 polo goberno socialista de Rodríguez Zapatero, sendo ministra a ourensá Elena Salgado.

“Esta norma marcou un antes e un despois nos arraigados hábitos tabáquicos da sociedade española”, lembran dende o grupo socialista, ao tempo que salientan que “foi unha lei pioneira, cunha gran repercusión na redución do consumo de tabaco entre a poboación española e derivou nunha notable diminución dos niveis de tabaquismo”.
Non obstante, malia estar “no bo camiño”, dende o grupo socialista insisten na necesidade de “non baixar a intensidade das accións e ampliar o marco de actuación” para continuar na vangarda das políticas fronte ao tabaquismo impulsadas polo goberno progresista de Zapatero.
“Debemos traballar na creación de espazos sen fume en lugares non recollidos na normativa actual, coma os parques infantís, para ir un paso máis alá no cambio da percepción social deste hábito, convertendo estas contornas sociais en educativas e preventivas”.
Eliminar as cabichas e a exposición pasiva
No texto da moción, as e os socialistas destacan que o consumo de tabaco en lugares públicos non é unicamente “un problema de saúde pública” -se ben este é o principal-, posto que tamén implica outras “preocupantes consecuencias” coma o dano ao medio ambiente.
“Cómpre lembrar que as cabichas son o residuo máis común do mundo”, aseguran, ao tempo que destacan que “tardan varios anos en descompoñerse e se están mal apagadas supoñen un risco directo de incendio”.
Ademais, subliñan que a presenza do tabaco en zonas ao aire libre coma os parques infantís tamén contribúe á promoción entre a poboación de “hábitos que teñen un impacto marcadamente negativo sobre a saúde”, aumentando o risco de que os menores comecen a fumar de forma regular na adolescencia ou na idade adulta.
Por último, destacan que a exposición pasiva ou involuntaria ao tabaco é daniña para os nenos, xa que os seus corpos “aínda están en desenvolvemento” e son “máis vulnerables aos efectos negativos do fume do tabaco”.
“Debemos lembrar que o fume ambiental do tabaco afecta tanto ás persoas que fuman coma ás que as rodean, e as autoridades sanitarias, incluíndo a OMS, advirten que non existe un nivel seguro de exposición pasiva nin de consumo”, sinalan.
Día Mundial sen Tabaco 2023
Dende o grupo socialista reclaman tamén que o Concello poña en marcha un programa de actividades con motivo do Día Mundial sen Tabaco, que se conmemora o vindeiro 31 de maio, para así sensibilizar á poboación e seguir camiñando cara a unha sociedade libre de tabaco.