O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO IMPULSA O ARRANXO DA BEIRARRÚA DA RÚA LIBERDADE, QUE PRESENTA NUMEROSAS CARENCIAS E EIVAS DEBIDO A SÚA ESTREITEZ E MAL ESTADO
Os e as socialistas afirman que o actual estado da beirarrúa “dificulta” o tránsito dos peóns debido a súa estreiteza e presenta numerosas losetas deterioradas ou que faltan por repoñer
Piden que se acometa a ampliación da beirarrúa, así como a rebaixa da mesma nos tramos de acceso aos servizos, tales como o centro de saúde ou os negocios que se atopan no mesmo tramo
Viana do Bolo, 30 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha moción para o seu debate en sesión plenaria coa que pretende impulsar a ampliación e arranxo da beirarrúa da marxe dereita da rúa Liberdade. Os e as socialistas afirman que o actual estado da beirarrúa “dificulta” o tránsito dos peóns debido a súa estreiteza e presenta numerosas losetas deterioradas ou que faltan por repoñer.
Dende a agrupación socialista de Viana instan o concello e á Xunta de Galicia, a que no caso de que lle corresponda a unha ou outra administración, procedan, “a maior brevidade posible”, o arranxo das numerosas carencias e eivas que presenta a beirarrúa. Os e as socialistas tamén piden que se acometa a ampliación da beirarrúa, así como a rebaixa da mesma nos tramos de acceso aos servizos, tales como o centro de saúde ou os negocios que se atopan no mesmo tramo. Destacan que o esforzo económico necesario para levar a cabo esta actuación “é menor”, xa que o tramo que require a actuación e que comprende dende o estanco ao centro de saúde, “non é moi longo”.



O PSdeG-PSOE vianés explica que a beirarrúa “é tan estreita que apenas pode ser empregada por unha soa persoa, tendo que ceder o paso a calquera outra coa que se atope, e invadindo a calzada, co risco que supón no caso de que circulen vehículos”. Unha situación que se agrava no caso de persoas con mobilidade reducida ou que porten un carro cun cativo, xa que tal e como afirman “non é posible transitar pola beirarrúa debido a que non hai o espazo mínimo para que pase unha cadeira de rodas ou un carro de crianzas”.
Os e as socialistas tamén apuntan que a “esta importancia carencia”, súmase tamén a presencia de varios contedores de lixo e de vehículos aparcados, o que provoca que os usuarios e usuarias “teñan que circular invadindo parte da calzada, co conseguinte perigo para a súa seguridade”. Asemade, dita beirarrúa non conta con tramos rebaixados para facilitar ó acceso tanto dos carros das crianzas como das cadeiras de rodas das persoas con mobilidade reducida.
“Trátase dunha beirarrúa cun importante tránsito, xa que da acceso a un dos puntos neurálxicos do concello como é o centro de saúde, polo que consideramos máis que necesario unha reforma que mellore as condicións da mesma e que tamén aporte maior seguridade aos veciños e veciñas”, finalizan dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo.