concellos Denuncias

Os e as socialistas de Cartelle esixen a dimisión de Sousa, Leyte e González por erros nas notificacións da parcelaria de Cartelle

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE ESIXE A DIMISIÓN DE JAIME SOUSA, CARMEN LEYTE E JOSÉ GONZÁLEZ TRALAS “NUMEROSAS EIVAS E ERROS” NAS NOTIFICACIÓNS DA PARCELARIA DE CARTELLE

Os e as socialistas acusan aos tres cargos do PP de “complicidade” ante o que consideran “un disparate e a maior das desconsideracións” cara os afectados e ás afectadas por esta concentración parcelaria

O voceiro do PSdeG-PSOE, Jesús Pereiras Vázquez, considera “vergonzoso” que tras 30 anos “veñan agora cun prazo improrrogable de dez días de audiencia a vivos e mortos para consultar por teléfono e presencialmente os expedientes un venres pola mañá”

Ourense, 30 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Cartelle acusa ao alcalde do municipio, Jaime Sousa; a ex alcaldesa e senadora, Carmen Leyte; e ao conselleiro de Medio Rural, José González, de ser os e as culpables das “numerosas eivas e erros” nas notificacións en referencia ao expediente da concentración parcelaria da parroquia de Cartelle. Os e as socialistas acusan aos tres cargos do Partido Popular de “complicidade” ante o que consideran “un disparate e a maior das desconsideracións” cara os afectados e ás afectadas por esta concentración parcelaria e piden a súa dimisión.

Esta petición chega trala “indignación” amosada pola veciñanza e causada nestes últimos días trala recepción da notificación efectuada por Medio Rural dun trámite de audiencia no expediente da concentración parcelaria de Cartelle, que conta con máis de trinta anos de vida. Dende o grupo municipal socialista sinalan que o actual alcalde “non é axeno a situación e é cómplice necesario das numerosas eivas que presentan as notificacións”. Consideran tamén que “o denominado común en todo este eterno proceso é a alcaldía, rexentada sempre polo Partido Popular”.

Os e as socialistas sosteñen que son “diversos” os elementos da notificación que ten causado un “profundo enfado e malestar” entre a veciñanza de Cartelle. Neste senso destacan que entre as numerosas eivas e erros no expediente destacan “a notificación a persoas xa falecidas, a natureza dalgunhas fincas que figuran en gananciais, cando son herdanzas a título dunha única persoa ou que nalgúns casos a orixe, procedente de herdanzas, figura como non determinado”.

Dende o grupo municipal socialista culpan desta situación ao actual alcalde, Jaime Sousa; e a ex alcaldesa e senadora, Carmen Leyte, xa que segundo apuntan “son as persoas que mellor deben coñecer, non só o proceso desta concentración parcelaria, senón tamén o devir dos titulares dos predios, cuxo 50% aproximadamente xa faleceu, despois de 30 anos agardando polos títulos”. Afirman que “é absolutamente indigno e carece de sensibilidade que as notificacións se fagan a nome de persoas que se atopan xa falecidas”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, considera “vergonzoso” que tras 30 anos “veñan agora cun prazo improrrogable de dez días de audiencia a vivos e mortos para consultar por teléfono e presencialmente os expedientes un venres pola mañá”, xa que segundo apunta “búrlanse da veciñanza, cando na notificación falan de venres en plural, como se en dez días entrasen moitos ventes”. Neste senso, o edil socialista tamén denuncia o “esperpento” e a “desvergoña” de avisar que se non reciben contestación darán por conforme a modificación efectuada, “como se os mortos puidesen contestar”.

Esta falta de vontade por facer as cousas “ben” e en “tempo” refléxase, en palabras de Pereiras Vázquez, en que “non corrixiron aqueles titulares que durante este tempo deixaron de selo, tras realizar un acto xurídico de transmisión das propiedades, con coñecemento e certificación de Infraestruturas Agrarias”. O voceiro socialista pregúntase se “a consellería vaise facer cargo das novas escrituras notariais e das inscricións correspondentes”.

Por último, Jesús Pereiras engade que “non se preocuparon de traballar a natureza familiar dos bens, outorgándolles a todas as propiedades o carácter de ganancial, cando na gran maioría dos casos trátase da concentración de parcelas procedentes de herdanzas”. Por todo elo, o voceiro socialista pide a dimisión dos que considera “responsables deste desaguisado”, incidindo especialmente na “gravidade” do papel do actual alcalde como representante que debe ser do municipio de Cartelle, así como da anterior alcaldesa e do conselleiro de Medio Rural “pola falta de vontade e de interese demostrados ao longo de ducias de anos”.