Denuncias Deputación de Ourense

Baltar e deputada tránsfuga vetan reverter o desmantelamento das brigadas públicas da Deputación

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O PP E A DEPUTADA TRÁNSFUGA VETAN REVERTER O DESMANTELAMENTO DELIBERADO DAS BRIGADAS PÚBLICAS DE VÍAS E OBRAS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Nunha iniciativa tamén pediron un novo regulamento, incluíndo aportacións de todos os grupos, que detalle o funcionamento das brigadas baixo criterios técnicos baseados nos principios de equidade, obxectividade ou transparencia

Nacho Gómez manifestou que as brigadas “están prácticamente desmanteladas” porque a Manuel Baltar “lle interesa máis outorgar esas obras a empresas” en lugar de usar este “recurso público fundamental para os concellos»

Ourense, 31 de marzo de 2023.  O PSdeG-PSOE denuncia que o PP e a deputada tránsfuga da Deputación de Ourense vetaron hoxe reverter o desmantelamento deliberado das brigadas públicas de vías e obras da institución. Estas brigadas son responsables de levar a cabo unha ampla gama de traballos de mantemento e reparación nos municipios que, na súa meirande parte, carecen de capacidade económica para realizar estar tarefas motu proprio. Ademais, tamén teñen a tarefa de executar novos proxectos, o que significa que son esenciais para o desenvolvemento das infraestruturas e dos servizos.

Concretamente, mediante unha moción pediron poñer fin a este desmantelamento e a dotalas de recursos económicos, materiais e humanos dabondo, co fin de recuperar o servizo óptimo e de calidade que prestaban aos municipios. Igualmente pediron incrementar substancialmente os fondos públicos destinados ás estradas nos ámbitos da conservación e reparación, así como para obras de nova execución.

Na moción tamén se pedía un novo regulamento, incluíndo aportacións de todos os grupos, que detalle o funcionamento das brigadas baixo criterios técnicos baseados nos principios de equidade, obxectividade, transparencia, asignación eficiente dos recursos, eficacia, control da xestión e avaliación dos resultados, así como pola prestación dun servizo xusto a toda a veciñanza. O texto foi rexeitado cos votos do PP e da deputada tránsfuga, Montse Lama.

O vicevoceiro, Nacho Gómez, manifestou que as brigadas “están prácticamente desmanteladas” porque a Manuel Baltar “lle interesa máis outorgar esas obras a empresas” en lugar de usar este “recurso público fundamental para os concellos”. “O PSOE defende que os servizos públicos son máis eficientes e beneficiosos para a veciñanza e para as administracións que os prestados por empresas privadas”, insistiu antes de defender que “é imprescindible dotalas novamente de recursos”, poñendo fin aos “recortes e limitacións” que só buscan permitir o uso deses fondos en beneficio do presidente mediante o caciquil sistema de contratación da Deputación.

Nacho Gómez

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense defendemos o modelo público de brigadas, pero cremos que é necesario aprobar unha nova regulación que permita establecer criterios transparentes e equitativos para o seu funcionamento e financiamento, unha medida que reclamaron durante a sesión plenaria. Esta normativa debería establecer usos democráticos e imparciais que permitan ponderar as actuacións máis urxentes, así como normativizar o uso das brigadas en período electoral ou preelectoral. Tamén debería crear un rexistro público de peticións e concesións, así como un sistema de control da xestión e de avaliación dos resultados.

Insuficiente investimento en vías da institución

A Deputación da Coruña orzamenta para ‘investimentos en estradas provinciais’ 3,9 millóns e tamén en ‘investimentos de reposición en estradas provinciais’ 10,7 millóns. Por orde decrecente, aparece a Deputación de Pontevedra que para ‘seguranza viaria e investimentos en estradas’ orzamenta 8,5 millóns de euros. Pola súa banda, a Deputación de Lugo adica 6,3 millóns para ‘investimentos de reparacións en estradas’. Fronte a estas cifras, o orzamento desta Deputación de Ourense recolle no seu anexo de investimentos unha partida de 3,1 millóns para tres conceptos: ‘Plan cooperación vías provinciais’, ‘Reparación vías municipais’ e ‘Reparación vías provinciais’-