O PSDEG-PSOE CONFIRMA QUE JESÚS PEREIRAS SERÁ O CANDIDATO Á ALCALDÍA DE CARTELLE CO OBXECTIVO DE DESENVOLVER UN PROXECTO QUE REMATE CO “CACIQUISMO E CLIENTELISMO”
Sinala que se presenta as eleccións “tras 4 anos de intenso traballo percorrendo todos os recunchos de Cartelle, escoitando á veciñanza e levando as súas reclamacións a un consistorio que fai oídos xordos”
Afirma que as municipais “son unha oportunidade única para mudar a deriva que vive Cartelle e apostar por un novo goberno progresista e que poña o foco nas persoas e en solucionar os problemas cotiás para mellorar a súa calidade de vida, sen deixar a ninguén atrás”
Cartelle, 3 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de confirmar que Jesús Pereiras Vázquez será o candidato socialista á alcaldía de Cartelle, nas eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. O actual voceiro socialista no municipio repite por segunda vez como cabeza de lista co obxectivo de “gañar” as eleccións e apostar por “desenvolver” un proxecto municipal que remate con máis de 40 anos de políticas “caciquís e clientelares” que afundiron “completamente” o municipio.
O candidato do PSdeG-PSOE, que foi oficial de policía (funcionario de carreira) e que agora se atopa xubilado, sinala que se presenta as eleccións “tras catro anos de intenso traballo percorrendo todos os recunchos de Cartelle, escoitando á veciñanza e levando as súas reclamacións a un consistorio que fai oídos xordos aos problemas cotiás do noso concello e das súas xentes”. O edil socialista remarca que en Cartelle “hai moitísimos problemas, está todo por facer e as políticas municipais do Partido Popular son un auténtico desastre”.

Jesús Pereiras denuncia que a política municipal levada a cabo polo Partido Popular “só mira polos intereses personalistas dos seus concelleiros e cargos políticos, deixando de lado os problemas, o futuro, e os intereses da veciñanza de Cartelle”. O candidato socialista tamén pon o foco na demografía e no emprego, xa que tal e como sinala “o emprego en Cartelle non existe, porque ao actual equipo de goberno non lle preocupa a mocidade, nin o avance económico da vila”.
O actual voceiro socialista lembra que durante os últimos 4 anos “denunciamos politicamente máis de 60 casos de desleixo, abandono sistemático, e problemas en infraestruturas, patrimonio ou medio ambiente no municipio”. Tal e como apunta, o concello “pouco fixo para buscar solucións a estas problemáticas e optou polo silencio ante temas tan graves como a proliferación de vertedoiros ilegais; a falta de limpeza en camiños, fontes, zonas verdes e estradas; o abandono total da Torre de Sande; ou os problemas burocráticos de máis de 1000 afectados e afectadas pola ausencia de títulos patrimoniais na parcelaria da parroquia de Cartelle; ou o desmantelamento e recortes nos servizos públicos”.
Pereiras Vázquez finaliza afirmando que as municipais do 28 de maio “son unha oportunidade única para mudar a deriva que vive Cartelle e apostar por un novo goberno progresista e que poña o foco nas persoas e en solucionar os problemas cotiás para mellorar a súa calidade de vida, sen deixar a ninguén atrás”.