O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA A “HIPOCRISÍA” DO PP TRALAS SÚAS CRÍTICAS EN RELACIÓN A A-56 E LÉMBRALLES QUE FORON ELES OS QUE GARDARON NUN CAIXÓN ESTE PROXECTO
Os e as socialistas celebran o traballo do Goberno, encabezado por Pedro Sánchez, que vén de anunciar a aprobación do expediente de información pública e o proxecto de trazado do tramo entre Ourense e o enlace de Cambeo, cun investimento de 129,5 millóns de euros
Apuntan que esta aprobación “é unha nova aposta do Goberno na mellora das comunicacións na provincia e un fito que permite avanzar cara a aprobación final do proxecto de construción da A-56”
Ourense, 3 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense a través do seu deputado, a súa deputada e o seu senador en Madrid celebran o traballo do Goberno do Estado, encabezado por Pedro Sánchez, que vén de anunciar a través do Ministerio de Transportes Mobilidade e Axenda Urbana a aprobación do expediente de información pública e o proxecto de trazado do tramo da autovía A-56 entre Ourense e o enlace de Cambeo e que contará cun investimento de 129,5 millóns de euros.
O deputado, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón Vázquez; e o senador, Miguel Bautista Carballo; critican que a “hipocrisía” do Partido Popular de Ourense “non ten límites” e lémbranlle aos populares ante as súas esixencias en relación a A-56 que “durante os gobernos de Mariano Rajoy, o proxecto da autovía entre Ourense e Lugo estivo gardado nun caixón, sometendo a nosa provincia o máis absoluto dos desleixos”. Os e as socialistas apuntan que a aprobación do proxecto de trazado entre Ourense e Cambeo “é unha nova aposta do goberno na mellora das comunicacións na provincia de Ourense e un fito que permite avanzar cara a aprobación final do proxecto de construción da A-56”.

O parlamentario no Congreso polo PSdeG-PSOE de Ourense, Adolfo Pérez Abellás, lémbralle ao PP de Ourense “o desleixo ao que someteron a esta cidade e provincia durante o goberno de Mariano Rajoy e sendo ministra de Fomento, Ana Pastor, responsable máxima de ter agochado nun caixón o proxecto da A-56”. O deputado ourensán aproveita para aclararlle ao PP de Ourense que o Goberno de España, presidido por Pedro Sánchez “foi quen puxo en marcha o proxecto e quen o está executando”.
A deputada no Congreso, Uxía Tizón Vázquez, sinala que dende o PSOE “estamos fartos das queixas do PP” e fai fincapé en que “segundo as previsións dos populares, este proxecto debería estar rematado en 1999, pero os seus gobernos non avanzaron un só ápice na súa redacción e execución”. Neste senso tamén lembra que nesta lexislatura e co PSOE ao fronte do Goberno “púxose en funcionamento o tramo San Martiño-A Barrela, en Lugo, e agora continuamos na nosa provincia cun proxecto con tres enlaces: a Casilla, Coles e Cambeo, que permitirán unha conexión máis completa”.
Tizón Vázquez preguntase “que foi do controvertido Plan Galicia do PP, que incluía a A-56 entre as actuacións prioritarias?” e sinala que “non foi nada, porque tanto a aprobación dos estudos informativos como a licitación, levouse a cabo no goberno de Zapatero e foi con Pedro Sánchez cando se executou máis do 50% que restaba entre A Barrela e San Martiño para poñer en servizo o tramo e agora chega este novo investimento que amosa o compromiso do executivo con Ourense”.
Pçerez Abellás apunta tamén a que “este desleixo e abandono do PP a Ourense non é algo novo” e neste senso lembra a chegada da alta velocidade ferroviaria a Ourense, “gracias ao goberno socialista, xa que Ana Pastor tivo o proxecto abandonado durante 4 anos”. Neste senso, o deputado socialista destaca que o trazado do AVE entre Madrid e Ourense “ten tres tramos de vía única por capricho de Ana Pastor, e ten que ser o goberno de Pedro Sánchez o que arranxe este despropósito da ex ministra de Fomento”.
O tramo obxecto de proxecto, dun 8,5 km de lonxitude, inclúe:
– 2 ligazóns completas (A Casa e Coles) e un definido parcialmente (Cambeo):
- Ligazón da Casa, que conectará a Autovía A-56 coas actuais N-525 e N-120 que dan acceso a Ourense.
- Ligazón de Coles que conectará a autovía A-56 coa estrada OU-0502, de titularidade da deputación de Ourense.
- Ligazón de Cambeo, situado ao final do trazado e que conectará a autovía A-56 coas estradas N-525 dirección Santiago e coa estrada N-540. O trazado desta ligazón está totalmente condicionado polo deseño do tramo seguinte de actuación (“Ligazón de Cambeo-San Martiño”), onde os ramais de ligazón defínense para realizar a conexión co tramo seguinte, en dirección á N-540 e N-525.
– 3 falsos túneles: A Casa 1, A Casa 2 e Outeiro.
– 5 pasos superiores (dous dos cales situados na ligazón de Coles), 2 viadutos e 3 pasos inferiores.