O PSDEG-PSOE CONFIRMA A ISABEL GIL COMO CANDIDATA Á ALCALDÍA DE RAMIRÁS CO RETO DE ACADAR A MAIORÍA ABSOLUTA PARA PODER SEGUIR DESENVOLVENDO O PROXECTO SOCIALISTA
A actual alcaldesa do municipio sinala que outro dos retos “é traballar para rematar as grandes obras que estamos a levar a cabo nestes momentos e seguir apostando día a día pola nosa veciñanza”
“Apostaremos por seguir promocionando o turismo, coidando o medio ambiente, arranxando e pondo en valor os accesos aos diferentes núcleos de poboación, ou ofrecendo máis servizos, afirma
Ramirás, 4 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar a Isabel Gil Álvarez como candidata socialista á alcaldía de Ramirás, de cara aos comicios electorais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. A actual alcaldesa do municipio destaca que se presenta as eleccións cun “novo” reto, acadar a “maioría absoluta” para poder levar a cabo as “grandes” obras que xa están en marcha e seguir traballando, día a día, a prol da veciñanza.
A candidata do PSdeG-PSOE afirma que o concello se atopa, neste momento, traballando en proxectos moi importantes como son a adxudicación de tres vivendas sociais (dúas de aluguer e unha con dereito a compra), a licitación e adxudicación da subvención DUO 500, que permitirá recibir 245.000 € para a instalación de luces led, cun proxecto total de 280.000 euros, ou a obra de saneamento de Rubiás, cun investimento de 572.000 €.
A actual rexedora tamén pon o foco nun “ambicioso” proxecto para a construción dun centro de día do municipio, xa que tal e como apunta “é importantísimo nun municipio rural, para que os nosos e as nosas maiores teñan unha calidade de vida como merecen e as familias poidan ter un respiro nos coidados e compatibilizar a vida familiar e laboral”. Segundo afirma “o investimento é de 450.000 € e xeraría 3 postos de traballo”.
Isabel Gil tamén destaca entre os seus obxectivos “seguir realizando investimentos na procura de mananciais, como xa fixemos en Terrado, Barazal e Xesteira, conseguindo subvencións e investindo 120.000 euros con moi bos resultados e quedando libre de arsénico a auga empregada pola maioría dos usuarios e usuarias da auga municipal”. Neste senso apunta que o gran obxectivo “é resolver de forma definitiva e na súa totalidade, os problemas de arsénico na auga na época estival”.
“Apostaremos tamén por seguir promocionando o turismo, mellorando a contorna paisaxística, coidando o medio ambiente, potenciando as rutas de sendeirismo, arranxando e pondo en valor os accesos aos diferentes núcleos de poboación, ofrecendo máis servizos como a fibra óptica, a gardería gratuíta, a posta en marcha de actividades extraescolares e de lecer nas instalacións do colexio e fixar poboación”, afirma a candidata socialista.