A ÁREA DE MIGRACIÓNS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE EVITA, UNHA VEZ MÁIS, UN EMBARGO DUNHA PENSIÓN ALEMÁ DUNHA VECIÑA DA PROVINCIA EN RELACIÓN AO IMPOSTO DO 5% DA FACENDA ALEMÁ
O secretario provincial de migracións analizou persoalmente o caso, conseguindo que a suposta débeda tributaria que se lle requiría a unha veciña de Ribadavia quedase en 0 euros
Con este caso xa son tres acciones positivas realizadas polo PSOE nos últimos dous anos (Arnoia, San Cibrao das Viñas e agora Ribadavia) para evitar o embargo dunha pensión por parte do fisco xermano
Ourense, 4 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de informar que a secretaría provincial de migracións conseguiu, unha vez máis, paralizar o embargo dunha pensión alemá por parte da facenda xermana. O secretario provincial de migracións analizou persoalmente o caso, conseguindo que a suposta débeda tributaria que se lle requiría a unha veciña de Ribadavia quedase en 0 euros.
A área de migracións do PSOE ourensán explica que Laura Capas, veciña de Ribadavia e emigrante retornada, recibira fai un par de semanas o aviso de embargo da súa pensión alemá por parte do Finanzamt Neubrandenburg ao non estar supostamente ao día do pago do IRPF dos anos 2019-2021. Tal e como sinalan “ao dirixirse con esa documentación a súa xestoría esta descoñecía os pasos a dar, ao igual que aconteceu ante a Axencia Tributaria de Ourense, onde a consulta non foi satisfactoria e simplemente se lle indicou que estaba obrigada a pagar o reclamado por Alemaña”.

Ante esta situación, esta veciña de Ribadavia púxose en contacto co secretario provincial de migracións dos socialistas ourensáns, Luís Gulín Iglesias, quen puido comprobar que non estaba obrigada a tributar polo chamado imposto do 5% á facenda alemá, ao estar os seus ingresos totais en España dentro do mínimo exento establecido por Alemaña para os anos 2019-2021 (9168, 9408 e 9744 euros anuais respectivamente). Tras as conversas mantidas con Gulín e despois de contactar co Finanzamt Neubrandenburg, envíase a documentación dos ingresos declarados en España do período fiscal reclamado, xustificando así a súa exención de tributar en Alemaña.
Gulín afirma que “a veciña acaba de recibir estes días a notificación de que a súa débeda tributaria queda en 0 euros e a exención temporal de pagar impostos sobre a pensión alemá percibida”. Destaca tamén que a señora Capas “agradece persoalmente á secretaría provincial de Migracións a axuda prestada dado que non existe información concreta, sexa na Facenda de España ou nas xestorías, como proceder nestas situacións”.
Con este caso xa son tres acciones positivas realizadas polo PSOE nos últimos dous anos (Arnoia, San Cibrao das Viñas e agora Ribadavia) para evitar o embargo dunha pensión por parte do fisco xermano. Por parte da secretaría provincial de Migracións do PSOE de Ourense ínstase unha vez máis a “verificar a correspondencia e as contías reclamadas pola Axencia Tributaria de Alemaña”.
“Moitos están a pagar o imposto sen estar obrigados. Desde o PSOE de Ourense ofrecemos a posibilidade de analizar gratuitamente a situación de calquera interesado que teña dúbidas e axudamos en recuperar os pagos indebidos se é preciso”, finaliza Luís Gulín.