Concello de Ourense Eleccións locais 2023

Paco Rodríguez: «Sería imposible facer política se non houbera medios de comunicación»

O candidato á alcaldía polo PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, foi entrevistado este mediodía na Cope para abordar algunhas das medidas do programa electoral presentado onte. A recuperación do proxecto da estación diseñado por Norman Foster, prioritario para o socialista, foi un dos temas clave que saíron durante a conversa. “Sería unha magoa, e poderíamos arrepentirnos no futuro, se non fósemos capaces de conseguir entre todos que Ourense teña unha estación que sexa un nodo central e porta de entrada a Galicia, acorde a unha cidade como a nosa e que sexa motivo de orgullo para tódolos ourensáns”, sinalou o socialista.

Cuestionado sobre outra das medidas estrela onte presentadas, como é a creación dunha empresa municipal de vivenda, o candidato respondeu que a cidade ten varias débedas pendentes que poden ser saldadas de xeito transversal. O casco histórico precisa ser recuperado tras anos de abandono e a xente necesita fogares a prezos alcanzables. Neste senso, o PSdeG-PSOE propón dar solución a ámbalas dúas problemáticas rehabilitando a zona vella con subvencións. “A vivenda ás veces é un elemento de exclusión social moi importante. Eu atreveríame a dicir que tan importante ou máis que un posto de traballo. Unha persoa que non ten onde vivir é unha persoa excluída. E polo tanto temos que facer unha aposta importante para lograr que todos teñan acceso a un fogar”, puntualizou sobre o asunto.

Tamén subliñou no estudio radiofónico a importancia de poñer en marcha un plan de mobilidade sustentable, máis alá de zonas peonalizadas. “Temos que construír unha cidade para que non desfruten só os coches, senón tamén a xente. Iso significa que para evitar abundancia de vehículos particulares no centro hai que mellorar as opcións de transporte público”, afirmou.

No eido das políticas culturais para os vindeiros anos, en caso de gañar as eleccións do 28 de maio, Paco Rodríguez lamentou que “haberá que comezar de cero” polo abandono ao que o Goberno do actual alcalde someteu aos cidadáns neste ámbito. E preguntado polas declaracións de Gonzalo Pérez Jácome, que afirmou nas redes sociais que as propostas do Partido Popular eran unha copia das da súa formación, o candidato socialista á alcaldía contestou: “Eu non podo opinar sobre iso porque non coñezo o programa de Democracia Ourensana. Cando o presente poderei opinar pero de momento non podo dicir nada”.

A recente censura do actual alcalde a unha xornalista que escribe en dous medios de comunicación distintos foi outro dos temas abordados durante a charla. “Non podemos confundir aos traballadores dun medio de comunicación co propio medio de comunicación, que son dous cousas distintas. E cando menos, merecen todo o respecto do mundo. Porque sería imposible facer política se non houbese medios de comunicación. Son os fedatarios de tódalas decisións que se toman desde o ámbito político. En consecuencia, hai que ser respectuosos, porque cando un ten responsabilidade política está representando aos cidadáns, e estes teñen dereito a saber o que pasa a través dos medios. En definitiva, é triste e lamentable que se fagan este tipo de ameazas contra unha persoa que o único que fai é o seu traballo”, defendeu este mediodía.

María Barrera, intendente xefe da Policía Local, e a súa demanda ao concelleiro de Seguridade Cidadana e ao propio Concello de Ourense por «graves danos profesionais, físicos e psíquicos» tamén se puxo sobre a mesa ante as cuestións do xornalista. O candidato aproveitou neste intre para lembrar que o desprezo contra os funcionarios e traballadores da Administración foi continua desde o momento en que acadou o mando. E sinalou que “non é normal chegar a eses extremos entre quen exerce o poder e quen traballa para a institución”.

Sobre como cre que será a campaña comparándoa coas anteriores nas que participou –tanto no Concello de O Carballiño como no de Ourense-, o candidato do PSdeG-PSOE sinalou o elemento diferenzador que son as redes sociais no momento actual. “As opinións dos políticos transmítense a miúdo por esta vía. Pero continúa habendo unha masa importante de cidadáns que aínda basean as súas decisións na distancia corta e directa. A campaña trátase de expoñer as ideas e propostas de cada partido, e só espero que se faga desde o respecto. Porque non é necesario insultar ou calumniar para facer unha campaña electoral”, finalizou ante as cuestións feitas en directo polo xornalista Juan Maceiras, no estudio da emisora Cope.