Concello de Ourense INICIATIVAS

Logramos o apoio do Pleno para que o Concello arranxe as obras chapuza de Rabo de Galo

O PLENO DE OURENSE APROBOU QUE O CONCELLO POÑA SOLUCIÓNS URXENTES Á “CHAPUZA” NAS OBRAS DAS RÚAS CARBALLO E SALTO DE CAN, EN RABO DE GALO, GRACIAS A UNHA MOCIÓN DO PSOE

O PsdeG-PSOE da cidade tamén recibiu o respaldo unánime para que Ourense se sume á rede galega de parques sen fume e promova actividades de sensibilización con motivo do Día Mundial sen Tabaco

Ourense, 14 de abril de 2023. O Pleno de Ourense aprobou a moción presentada polo grupo municipal socialista que insta ao Goberno local a ofrecer solucións urxentes á veciñanza do núcleo de Rabo de Galo trala “chapuza” nas obras das rúas Carballo e Salto de Can.

A reforma integral de ámbalas dúas vías estase a converter nunha tortura “sine die” para os que residen nesta zona. Non só por un atraso de máis do dobre do tempo estimado –o prazo previsto eran 6 meses e xa van 13–, senón tamén polos problemas de accesibilidade a vivendas particulares e de vehículos de emerxencia, a deficiente instalación de canalizacións e sumidoiros e as alteracións no alumeado.

“Non poden converterse unhas obras necesarias en oportunidades perdidas para a cidade”, expuxo a concelleira socialista Natalia González Beneitez que defendeu a iniciativa durante a sesión. “Trátase dunha demanda histórica porque son dúas das arterias principais de Rabo de Galo”, incidiu.

“A licitación inicial tiña un orzamento de 900.000 euros. Finalmente o proceso de adxudicación rematou moi a baixa, por 650.000 euros, e isto lastrou a obra. Os veciños chamaron ás portas do Concello en numerosas ocasións para que se solucionasen os problemas xurdidos e non se fixo”, denunciou a concelleira socialista.

A iniciativa –aprobada co apoio do PP, BNG e dúas concelleiras non adscritas– pide, ademais, enviar aos técnicos municipais responsables do proxecto a revisar as “deficiencias evidentes” nas obras, así como a informar aos veciños sobre a modificación do proxecto inicial.

O Pleno de Ourense tamén aprobou, por unanimidade, adherirse á rede galega de parques sen fume gracias a outra iniciativa impulsada polo grupo municipal socialista. Entre os motivos para propoñer este compromiso, coa saúde e o entorno no que viven os cidadáns, está que a OMS establece o consumo de tabaco como a primeira causa de mortalidade evitable e considera que non existe un nivel seguro de exposición pasiva ou activa ao fume.

Neste senso, o PSdeG-PSOE lembrou que xa hai dous concellos da provincia (A Merca e Pereiro de Aguiar) que se sumaron á rede e que é especialmente importante que estes espazos infantís queden libres de fume porque os cativos aprenden, entre outros xeitos, por repetición do que ven dos adultos. O concelleiro Borja López Trigás defendeu a moción incidindo en que “tamén será beneficioso para o medio ambiente posto que as cabichas son uns dos residuos máis comúns e que tardan máis tempo en descompoñerse”.

“Se ben é certo que cada vez é menos a xente que fuma en España, pasamos dun 27% no ano 2006 a un 22% no 2020, non podemos baixar a garda. Agora, coas novas formas de consumo, cos chamados cigarros electrónicos o hábito volve estar en auxe sendo, de novo, unha ameaza”, engadiu.

A moción presentada hoxe sinala tamén que a implantación de políticas públicas funciona, como demostrou a primeira ‘Lei antitabaco’ aprobada en novembro de 2005 polo goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, sendo ministra a ourensá Elena Salgado. Por este motivo, o grupo do PSdeG-PSOE emprazou ao Concello a ampliar o marco de actuación con iniciativas no ámbito da Educación e difundindo material informativo para sensibilizar a poboación, así como poñer en marcha un programa de actividades con motivo do Día Mundial sen Tabaco (que se conmemora o próximo 31 de maio).