Os concelleiros municipais socialistas amosaron o seu apoio aos veciños e veciñas de Rabo de Galo que asistiron ao pleno de abril para presenciar o debate da moción impulsada polo PSdeG-PSOE sobre a chapuza realizada nas rúas Carballo e Salto do Can. Durante a sesión, unha delas foi expulsada polo alcalde por contestarlle cando este afirmou que si se reuniu con eles para atender as súas demandas de mellora do proxecto.
Concretamente, foi a líder da asociación veciñal, Lorinda Fernández, a que dixo que o máximo responsable do Goberno local estaba a contar “mentiras” e pediu unha quenda de palabra para poder intervir. Foille denegada e Gonzalo Pérez Jácome instou a que a expulsasen se continuaban falando. Ela mesma optou por marcharse, acompañada doutros afectados, da Casa do Concello.