INICIATIVAS Parlamento de Galicia

Carmen Dacosta reclámalle á Xunta que adiante as tarefas de prevención fronte aos lumes forestais

O GRUPO SOCIALISTA LAMENTA O VOTO EN CONTRA DO PP A ADIANTAR AS TAREFAS DE PREVENCIÓN FRONTE AOS LUMES FORESTAIS

Carmen Dacosta reclámalle á Xunta que incorpore as aportacións do Consello Forestal ao Pladiga, que foi presentado onte no órgano sen escoitar as súas propostas

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou hoxe a “falla de compromiso” do goberno galego coa política preventiva fronte aos incendios forestais. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para pedirlle á Xunta que adiante as tarefas de prevención a antes da tempada de alto risco e que faga un estudo da política de incendios, que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista criticou que o goberno galego “de anuncios sabe un rato”, pero continúan incumprindo co seu compromiso de mudar a política fronte aos lumes forestais, negándose a incorporar aportacións ao Plan de prevención. Afeoulle que teñan presentado onte o Pladiga diante do Consello Forestal, pero que será presentado mañá no Consello da Xunta sen incorporar unha soa das propostas deste órgano.

Un goberno, dixo, que leva anunciando a Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais dende que fora incorporada ás conclusións da Comisión da Política Forestal celebrada no Parlamento en 2019. Afeoulle que máis alá de anunciala, a última vez a semana pasada polo propio Rueda, ata o momento non deran un só paso para cumprir con este compromiso.

Plans de evacuación

O PP rexeitou hoxe pedirlle á Xunta plans de autoprotección e evacuación dos núcleos de poboación en risco e adecuar a distribución dos medios materiais e humanos de loita contra o lume de acordo coa incidencia dos incendios.

Tamén lle reclamou ao goberno galego que elabore un documento de análise que estude as consecuencias da política de incendios forestais no pasado para poder tomar decisións de cara ao futuro, ademais de realizar un Plan de educación ambiental e concienciación da cidadanía.

Dacosta alertou de que os incendios do futuro “están fora da capacidade de extinción”, polo que reclamou “investimento en dotar de actividade ao noso rural”. Ademais reclamou despregar os traballos de prevención, ordenación do territorio, educación e acción sociolóxica ambiental cunha xestión sostible do territorio agrogandeiro e forestal “como unha acción política decidida que poña enriba da mesa un modelo asentado na realidade”.