O PSDEG-PSOE REXISTRA UNHA INICIATIVA URXENTE PARA QUE MANUEL BALTAR DEA CONTA NO PLENO DE MAÑÁ VENRES DO PRESUNTO DELITO COMETIDO CANDO CONDUCÍA UN COCHE OFICIAL DA DEPUTACIÓN
Ademais de reclamarlle explicacións pola conduta presuntamente delictiva, pídenlle que non cometa novos ilícitos e reclaman a súa dimisión por non reunir as condicións de honorabilidade e exemplaridade do cargo
Tamén rexistraron unha batería de preguntas para resposta oral na mesma sesión plenaria, na que interpelan ao presidente ourensán por 15 cuestións relacionadas cos graves feitos descritos pola Garda Civil agora e en 2021
Ourense, 27 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE vén de rexistrar unha iniciativa de carácter urxente, para que Manuel Baltar dea conta no pleno -ultimo ordinario do actual mandato- que terá lugar mañá venres, do presunto delito cometido cando conducía un coche oficial da Deputación de Ourense a 215 km/h o domingo 23 de abril pola provincia de Zamora.
Así mesmo, os e as socialistas rexistraron unha batería de preguntas para resposta oral na mesma sesión, na que interpelan ao presidente ourensán por 15 cuestións relacionadas con estes graves feitos, como son os motivos desa estraña viaxe; a ausencia de chofer oficial; que persoas viaxaban no vehículo oficial; os xustificantes de aloxamento e das autopistas en Madrid ou por que o seu goberno non identificou a condutor ou condutora desde mesmo vehículo, ante unha sanción imposta un domingo de setembro de 2021 na provincia de Lugo e que ascende a 1.500 euros.
Na iniciativa afirman que o carácter urxente da mesma “está sobradamente xustificado, xa que os feitos sucederon ou foron dados a coñecer despois da convocatoria das comisións informativas e do pleno” de abril e, polo tanto, “a súa inclusión na orde do día de forma ordinaria foi material e temporalmente imposible”.
Igualmente motivan a urxencia recordando que esta sesión “será a última ordinaria do mandato actual, polo que, de non debaterse a cuestión no pleno do día 28 de abril de 2023, xa non podería ser tratada pola actual corporación”.
“Así mesmo, os feitos supostamente delictivos descritos pola Garda Civil, deberán ser resoltos no ámbito penal a través dun xuízo rápido a celebrar nas próximas semanas, polo que, de non debaterse o asunto xa na sesión de abril, pode que o presidente nunca ofreza á corporación actual -que será disolta nas próximas semanas- as preceptivas explicacións, por un graves feitos cometidos, supostamente, no exercicio do cargo e cun vehículo oficial da Deputación de Ourense”, insisten.
Ante o sucedido, o Grupo Provincial Socialista insta ao presidente da institución a “explicar ante o pleno os feitos sucedidos o domingo 23 de abril cun dos coches oficiais, ao ser detectado conducindo a 215 km/h pola autovía A-52 na provincia de Zamora, detallado e xustificando documentalmente o motivo da viaxe; a razón pola conducía el mesmo e non un chofer oficial; o porque da superación do limite máximo velocidade en 95 km/h; os ocupantes do vehículo no momento dos feitos e as reunións ou encontros que mantivo con motivo desa viaxe”.
Tamén piden ao presidente ourensá que detalle “quen conducía ese mesmo vehículo oficial cando foi sancionado 19 de setembro de 2021 na provincia de Lugo; cal era o motivo daquela viaxe, tamén en domingo, e por que o goberno provincial non identificou debidamente ao condutor ou condutora aquel día, provocando unha sanción de 1.500 euros a nome da Deputación”.
Por último, reclaman a Baltar que “cese na comisión de actividades presuntamente delictivas cun coche oficial da institución, sen dar conta pública delo nin antes nin despois dos feitos” e esíxenlle que “deixe o cargo de presidente pola suposta pero evidente comisión dun delito contra a seguridade viaria, segundo denuncia da Garda Civil, xa que puxo en grave risco a vida doutras persoas nas estradas, ao circular a 215 km/h, e a comisión destes feitos non permiten reunir as condicións de honorabilidade e exemplaridade que requiren o cargo”.